O PSOE denuncia un impacto negativo para os pensionistas o voto en contra do PP ao decreto Ómnibus
Os parlamentarios socialistas pola provincia de Lugo denuncian o impacto negativo que terá para os pensionistas lucenses o “non” do PP ao decreto ómnibus que o Goberno de España levou ao Congreso dos Deputados. Sinalan que na provincia de Lugo preto de 96.000 persoas deixarán de ingresar de media 434 euros este ano e valorou que “é unha irresponsabilidade do PP votar en contra desta medida”.
Cualifican o senador César Mogo e a deputada Patricia Otero de “indecente” a decisión do Partido Popular, “que pon por diante os intereses partidistas fronte ao interese xeral”. Explican os socialistas de Lugo que a negativa á resolución repercutirá ademais “nos máis vulnerables”, porque afecta aos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital, aos usuarios do transporte público e tamén nos ingresos a conta tan importantes no sistema de financiamento das comunidades autónomas e dos concellos.
“O PP demostra, unha vez máis, que non lle importan os lucenses porque votaron en contra de garantir a accesibilidade da mobilidade, de protexer aos que máis o necesitan e de mellorar as condicións de vida dos nosos maiores”, argumentan. “Só coa revalorización que os pensionistas lucenses deixan de percibir no 2025, a provincia de Lugo perde 41,6 millóns de euros este ano”, lamentan. A revalorización do 2,8 % que recollía o decreto para o 2025 “permitiría aos maiores manter o seu poder adquisitivo fronte á inflación”.
No caso do transporte, explican, a resolución que pretendía aprobar o Goberno de Pedro Sánchez contemplaba un ambicioso plan de apoio ao transporte público, garantindo a súa gratuidade ou descontos significativos en servizos esenciais como media distancia ou autobuses urbanos. E tamén haberá repercusións nas políticas de vivenda, avanzan, “porque moitas familias seguirán vivindo co medo aos desafiuzamentos ou con situacións insostibles por falta de alugueiro social”, “unhas realidades ás que o PP dá as costas coa súa negativa ao decreto ómnibus”.