O PSOE provicial esixirá na Deputación que a Xunta de adhira ao Plan Nacional de Vivenda

O Grupo Provincial Socialista defenderá no vindeiro pleno da Deputación de Lugo do martes 24 de xuño, dúas mocións encamiñadas a esixir á Xunta de Galicia que rectifique a súa postura en dúas cuestións clave para a provincia: o acceso á vivenda e a atención sanitaria pública. Por unha banda, instan ao Goberno galego a adherirse ao Plan Estatal de Vivenda impulsado polo Executivo central, e por outra, reclaman que cumpra os acordos asinados en 2022 para asumir o persoal sanitario das Unidades de Atención á Drogodependencia (UAD).
Na primeira das iniciativas, o PSdeG reclama á Xunta que se adhira ao acordo en materia de vivenda proposto polo Goberno na Conferencia de Presidentes do pasado 6 de xuño, que prevé mobilizar 7.000 millóns de euros para construír vivenda pública, cunha achega do 60% por parte do Estado e do 40% das comunidades autónomas. “A negativa da Xunta pon en risco unha oportunidade histórica para solucionar un dos problemas máis graves da nosa comunidade”, advertiu Pilar García Porto.
Os socialistas acusan ao Goberno galego de antepoñer os intereses partidistas aos da cidadanía, nun contexto no que preto de 20.000 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda do IGVS agardando unha vivenda protexida. Na moción, o PSdeG propón, ademais da adhesión ao Plan Estatal de Vivenda, recuperar os niveis de construción de vivenda protexida alcanzados con gobernos progresistas, impulsar programas de rehabilitación para mobilizar inmobles en desuso e a deseñar medidas específicas para colectivos con especiais dificultades de acceso, como a mocidade, as familias con rendas baixas, a poboación inmigrante ou as persoas que precisan mobilidade laboral.
A segunda moción céntrase no incumprimento da Xunta respecto á asunción do persoal das trece UAD de Galicia, dúas delas situadas na provincia de Lugo, en Monforte de Lemos e Burela. Segundo denuncian os socialistas, en xuño de 2025 o Goberno galego segue sen asumir esta competencia sanitaria, obrigando aos concellos a facerse cargo dunha responsabilidade impropia e, ademais, en condicións de precariedade, xa que o Sergas non cobre vacacións, baixas nin xubilacións nestas unidades.
O PSdeG lembra que esta situación xa foi denunciada en 2024 polo Secretario Xeral provincial e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, así como pola alcaldesa de Burela e pola FEGAMP, sen obter resposta por parte da Consellería de Sanidade.
“Mentres o Partido Popular da largas no asunto, as cifras de consumo de drogas seguen medrando: Galicia rexistra xa 14.809 persoas en tratamento polo consumo de sustancias aditivas, a cifra máis alta dende 2008, e o consumo de cocaína duplicouse en apenas dous anos”, engaden.
Na moción, os socialistas reclaman que a Xunta asuma as súas competencias e revise as políticas públicas nesta materia, incorporando unha visión transversal que inclúa á saúde mental, especialmente no caso da mocidade. Ademais, propoñen avaliar a ampliación da rede de UAD ante o evidente incremento da demanda asistencial.