O servizo de Correos, ao bordo do colapso na área de Vigo pola falta de persoal

A CIG-Correos alerta dunha situación límite no servizo postal da área de Vigo, con milleiros de envíos acumulados por falta de cobertura de vacacións e baixas. A central sindical esixe cubrir de inmediato todas as prazas e reclama unha avaliación psicosocial nos centros de traballo.
correos
16 Jul 2025

A CIG-Correos vén de denunciar o colapso que sofre o servizo de Correos en toda a área de Vigo debido á falta de persoal. Segundo indican, milleiros de envíos permanecen sen repartir, xa que moitas prazas non están cubertas por vacacións ou incapacidades temporais.

Desde a central sindical afirman que a situación xa foi complicada o pasado verán, pero agora cualifícana de “insostíbel”. Alértase de que non se están cumprindo os parámetros mínimos de calidade que debe garantir a empresa pública, especialmente como prestadora do Servizo Postal Universal.

“Hai envíos que non chegan en tempo e forma, o que prexudica gravemente á cidadanía, sobre todo cando se trata de documentación con prazos”, sinalan. Un exemplo significativo é o peche da oficina de Correos no Porto Pesqueiro, que agravou a situación.

A CIG subliña tamén os efectos que a sobrecarga laboral está a ter na saúde do persoal. Falan dunha “pandemia silenciosa” pola elevada cantidade de baixas por enfermidade e polos casos crecente de estrés e ansiedade. Ademais, aseguran que o ambiente laboral empeorou nos centros de traballo.

A organización sindical esixe que se realice unha avaliación psicosocial en todos os centros e advirte que non descarta presentar denuncia por un posible atentado contra a saúde das traballadoras e traballadores.

Finalmente, critican a “hipocrisía” do Goberno central, ao que acusan de debilitar o servizo público de Correos en lugar de defendelo. “Se Feijóo sentou as bases desta situación, o inaceptábel é que agora un Goberno que se di progresista a perpetúe”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.21479988098145