O Servizo Galego de Saúde aposta por mellorar o diagnóstico e tratamento do TDAH con especial atención ás mulleres

O Servizo Galego de Saúde aposta por dotar aos profesionais sanitarios de ferramentas e coñecementos específicos para mellorar o diagnóstico e o tratamento do TDAH, prestando unha atención especial ás mulleres. Ademais, promoverá a difusión do coñecemento sobre este trastorno para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias.
Así o manifestou a subdirectora xeral da Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, no acto de inauguración da xornada formativa "A realidade feminina do TDAH: aproximación dende a clínica", organizada pola Fundación INGADA e dirixida a profesionais sanitarios e estudantes de Ciencias da Saúde. No evento tamén interveu o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.
A subdirectora destacou que esta xornada busca visibilizar e concienciar sobre o día a día das mulleres con TDAH, os seus desafíos e fortalezas, así como sensibilizar á sociedade, aos profesionais da saúde, da educación e ás familias, para que poidan recoñecer mellor os síntomas e apoiar ás mulleres e nenas afectadas por este trastorno.
Unha mirada de xénero na detección do TDAH
Durante a súa intervención, Almudena Díaz agradeceu o traballo da Fundación INGADA por crear un espazo de reflexión e aprendizaxe sobre a realidade das mulleres con TDAH, incidindo en que moitas mulleres son diagnosticadas tardiamente ou non reciben un diagnóstico adecuado, xa que os síntomas adoitan confundirse con outras patoloxías.
Tamén destacou que esta xornada supón un avance na incorporación da perspectiva de xénero na detección, diagnóstico e intervención en TDAH, poñendo o foco en como este trastorno afecta de maneira diferente ás mulleres en comparación cos homes, tanto na infancia como na idade adulta.