O SLG denuncia que as industrias lácteas seguen a discriminar ás pequenas granxas galegas

O 1 de agosto comezou o novo período de renovación de contratos para as granxas galegas con prezos por debaixo da media europea e da estatal
vacas-leite
4 Aug 2025

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) volveu denunciar publicamente a discriminación das industrias lácteas cara ás pequenas e medianas explotacións de Galicia, tras analizar os contratos de renovación para o período comprendido entre agosto de 2025 e marzo de 2026.

A organización xa iniciara en abril unha campaña informativa dirixida ás persoas consumidoras, co obxectivo de visibilizar como Lactalis, CAPSA e Lence aplican prezos distintos ás gandarías segundo o seu volume de produción, a pesar de ofrecer a mesma calidade de leite.

“Seguimos constatando que no mesmo tipo de leite hai unha gran diferenza segundo a industria que recolle e segundo a cantidade de leite que se teña”, explicou Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada en políticas agrarias do SLG. Rodríguez cualificou a situación como “unha barbaridade”, sinalando que “en Capsa a diferenza é de 6,7 céntimos por litro; en Lactalis de 5,5 céntimos; e en Lence de 4 céntimos”.

O Sindicato Labrego insiste en que non existe ningún motivo obxectivo para que as pequenas granxas cobren menos por litro de leite. “De feito, deberían ser especialmente remuneradas pola súa achega á vertebración social, ao desenvolvemento económico e ao coidado do ecosistema nas zonas onde se localizan”, reivindican, apostando por un modelo con máis explotacións distribuídas polo territorio, fronte á concentración de grandes granxas en poucos municipios do centro de Galicia.

Cos prezos establecidos para o novo período de contratos que comezou o 1 de agosto, o sindicato denuncia que Galicia segue por debaixo da media estatal e europea. As primas por volume, explican, volven penalizar ás explotacións máis pequenas. “Os incrementos no prezo base foron de 3,4 céntimos por litro, pero logo ao modificarse algunhas primas, o incremento non foi tan relevante. As empresas xogan co cambio nas primas, así que é bastante difícil facer o seguimento e saber o que imos cobrar”, sinalou Rodríguez.

“Somos a comunidade do Estado español que menos cobra polo prezo do leite, e dentro das rexións produtoras europeas tamén estamos á cola”, denunciou Xulio Fernández, coordinador do Sector Lácteo do SLG. Fernández destacou que “o diferencial de prezos entre as nosas granxas máis pequenas e as máis grandes supera os 8 céntimos –8,57 céntimos segundo os datos da Consellería do Medio Rural do mes de maio–”. Segundo lembrou, en marzo esa diferenza era de 6,6 céntimos. “Galiza é quen tira do prezo medio estatal cara abaixo. A media do Estado non acada a doutros países europeos comparables porque á rexión que máis produce estáselle a pagar moitísimo menos”, engadiu.

Cambios nos contratos de 2025 a 2026

O Sindicato Labrego elaborou un gráfico no que se detallan os cambios introducidos polas tres principais industrias lácteas nos novos contratos. “Que cada persoa faga as súas contas en función do tipo de leite que teña, porque facer seguimento ás industrias é bastante difícil en canto ao prezo”, advertiu Ana Rodríguez.

En canto ao prezo base por litro para o período 08/2025–03/2026, Lactalis establece 42,5 céntimos; Capsa, 43 céntimos; e Lence, 44,9 céntimos. Tamén se introducen modificacións nas primas por calidade, contido graxo, proteína, benestar animal e volume, con condicións e bonificacións específicas en cada caso.

Desde o Sindicato Labrego Galego reiteran a súa petición a Lactalis, CAPSA e Lence –as tres industrias maioritarias en Galicia– para que cesen “esta agresiva estratexia comercial que prexudica precisamente ás unidades produtivas máis vulnerables da cadea láctea, que son o elo máis feble”. Así mesmo, reclaman un aumento xeneralizado do prezo do leite, aliñado cos niveis medios estatais e europeos.

⚙ Configurar cookies
0.28316903114319