O Tenis Praia regresa a Samil co Gran Premio Concello de Vigo

O alcalde de Vigo recibiu esta mañá á organización do Tenis Praia Gran Premio Concello de Vigo, torneo que se disputará ata o domingo 6 de xullo na pista Vigoarena, situada na praia de Samil. A cita deportiva reunirá a 120 participantes, entre os que se atopan as mellores raquetas da disciplina a nivel estatal.
Vigo é a única sede en Galicia da liga nacional de tenis praia, que se puxo en marcha no ano 2020 e que nesta edición contará con 14 probas por todo o territorio español. A competición chega á cidade como unha das citas destacadas da tempada, tanto pola súa localización como polo nivel das xogadoras e xogadores inscritos.
O rexedor vigués salientou a importancia de acoller eventos deportivos que promoven o deporte ao aire libre e fomentan o turismo e a proxección da cidade. Ademais, puxo en valor o traballo da organización e das entidades implicadas na promoción do tenis praia como disciplina emerxente no panorama deportivo galego e estatal.