O Torneo de Pascua do Club Billar de Ordes reuniu a 32 xogadores de distintas zonas de Galicia

O xogador de Tui, Clemente González, foi o gran gañador do evento
billar-ordes
14 Apr 2025

O Club de Billar Ordes celebrou con éxito a súa xornada máis esperada, o Torneo de Pascua, que tivo lugar onte no seu local. Un total de 32 xogadores de distintas zonas de Galicia se inscribiron para participar nesta intensa competición. O torneo deu comezo a mediodía coas primeiras disputas e rematou pasada a medianoite, logo dunha xornada maratoniana chea de emocións.

O xogador de Tui, Clemente González, foi o gran gañador do evento, ao impoñerse na final a José Stalin, quen rematou cunha actuación excelente ao longo de todo o torneo. No podio tamén se destacaron Rubén Figueiras e Ismael González, que conseguiron o terceiro posto, tras disputar unha semifinal reñida.

Ademais dos premios principais, foron premiados os mellores xogadores nas categorías inferiores. Ihosvany Álvarez, xogador local, foi recoñecido como o mellor da 3ª categoría, mentres que Maury Materano, tamén de Ordes, se fixo co galardón ao mellor xogador da 4ª categoría.

O Club de Billar Ordes quixo agradecer a todos os participantes que se desprazaron ata a súa sede dende diversas partes de Galicia. O club destaca que as súas portas permanecen sempre abertas para todos os afeccionados ao billar, e avanza que seguirán organizando eventos como este para seguir promovendo a práctica do deporte na comarca.

⚙ Configurar cookies
0.10591292381287