O TSXG paraliza o proxecto do parque eólico Monte Contado por risco de danos ambientais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) decidiu suspender de maneira cautelar o parque eólico Monte Contado, promovido por Naturgy nos concellos de Lugo e Castroverde, tras estimar a petición formulada pola organización ecoloxista ADEGA.
O proxecto prevía instalar cinco aeroxeradores de máis de 220 metros de altura e unha liña de evacuación de máis de sete quilómetros nun corredor de conexión ecolóxica que enlaza tres zonas da Rede Natura 2000 situadas a menos de quince quilómetros da área afectada. Ademais, as instalacións proxectábanse integramente na zona de amortecemento da Reserva da Biosfera Terras do Miño, recoñecida pola UNESCO, o que mesmo podería poñer en risco esta figura de protección.
O alto tribunal galego fundamenta a súa decisión na existencia dun risco acreditado de danos ambientais irreparables. Na súa resolución, apela aos principios de cautela, prevención e precaución ambiental recollidos no dereito europeo e conclúe que, ante a posibilidade de que a execución do parque cause prexuízos irreversibles, debe prevalecer a defensa do medio ambiente sobre o interese económico da promotora.
O auto subliña tamén que a zona conta coa máxima sensibilidade ambiental segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica, polo que resulta imprescindible deter provisionalmente as obras mentres non se resolva o litixio. Ademais, o tribunal considera mínima a repercusión da suspensión sobre o sistema eléctrico e concede a medida sen esixir caución a ADEGA polo ben xurídico protexido.
A área afectada destaca pola súa biodiversidade, con presenza de especies protexidas e a existencia dunha manda estable de lobos. O proxecto situaríase ademais nas proximidades dunha área prioritaria para avifauna ameazada e dunha zona de protección contra liñas de alta tensión, con constancia de polo menos trinta especies de aves catalogadas.
Xunto aos impactos ambientais, a resolución advirte da alteración paisaxística que provocaría o parque nunha contorna de penedos e túmulos megalíticos, visible desde o Camiño Primitivo, declarado Ben de Interese Cultural, o que suporía un grave prexuízo para a paisaxe cultural asociada a esta ruta histórica. O documento tamén sinala os riscos para a saúde das persoas residentes en varias aldeas próximas, situadas a menos dun quilómetro dos aeroxeradores ou da liña de evacuación.
Outra das consideracións salientadas é a proximidade doutros dous parques eólicos impulsados por Naturgy, Monciro —xa operativo— e Ampliación Monciro, en tramitación. Segundo ADEGA, estes proxectos formarían parte dun posible macrocomplexo fragmentado artificialmente para reducir o seu impacto no proceso de avaliación ambiental, o que podería constituír unha fraude de lei.
ADEGA celebrou esta decisión xudicial e agradeceu o apoio social recibido a través da campaña de financiamento colectivo #TiPodesParalos, que permitiu reunir 8.100 euros para cubrir os gastos xudiciais do recurso contra o proxecto. A entidade ecoloxista lembrou que esta iniciativa cidadá fixo posible recorrer máis de trinta parques eólicos ante o TSXG, obtendo a paralización cautelar de máis dunha vintena, e recoñeceu o apoio da Asociación de Amigos Patrimonio Castroverde.