O VII Rally da Mariña arrinca este venres en Viveiro con máis de 100 vehículos inscritos e 286 quilómetros de percorrido por cinco concellos da comarca.

A cita automobilística celébrase entre Viveiro, O Vicedo, Ourol, Cervo e Xove cun percorrido total de 286 km e máis de 88 cronometrados.
Rally Marina
9 May 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe a relevancia deportiva, económica e turística do Rally da Mariña, que se celebra esta fin de semana como cuarta proba puntuable do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto 2025.

Durante a presentación oficial celebrada en Viveiro, Arias lembrou que Galicia “é a segunda comunidade con máis licenzas federativas e a terceira en número de clubs”, destacando o papel protagonista da provincia de Lugo como referente nos deportes de motor.

O evento, promovido pola Escudería Mix Rallye Sports e co patrocinio da Xunta a través dun convenio coa Federación Galega de Automobilismo, contará con 102 pilotos participantes. O percorrido total será de 286 quilómetros, dos cales máis de 88 serán cronometrados, nun itinerario que atravesará os concellos de Viveiro, O Vicedo, Ourol, Cervo e Xove.

O venres 9 de maio ás 20:00 horas terá lugar a cerimonia oficial de saída na Praza Maior de Viveiro, vila que tamén acollerá o parque de traballo e a meta. A competición comezará o sábado ás 07:50 horas, cunha primeira fase matinal nos tramos de O Vicedo e Ourol, e unha segunda pola tarde nos de Cervo e Xove. A chegada do primeiro vehículo á meta, situada na avenida da Mariña de Viveiro, está prevista para as 22:00 horas.

Arias subliñou que “a combinación de deporte e turismo é unha aposta segura” e que probas como esta “reforzan a marca Galicia no ámbito do motor, á vez que dinamizan a economía local”.

⚙ Configurar cookies
0.13622212409973