O VIII Foro Labrego de Agroecoloxía pon o foco no relevo xeracional en Mondoñedo

O Sindicato Labrego Galego–Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará os vindeiros sábado 7 e domingo 8 de febreiro a oitava edición do Foro Labrego de Agroecoloxía, unha cita xa consolidada no calendario do movemento agrario galego. O evento terá lugar no Pazo de Santomé, en Mondoñedo, e contará co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.
Baixo o lema “A agroecoloxía é o relevo”, o foro centrará a súa programación na análise do relevo xeracional no rural galego, combinando reflexión teórica, experiencias prácticas e espazos de convivencia arredor da produción agroecolóxica. As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través dun formulario habilitado pola organización.
A programación dará comezo o sábado ás 11.00 horas cunha visita agroecolóxica ao proxecto de vacún de carne que desenvolve Bruno Botana na parroquia de Estelo, en Mondoñedo. A xornada continuará cun xantar agroecolóxico no seminario mindoniense e, xa pola tarde, ás 15.30 horas, celebrarase a apertura oficial do foro. Nela intervirán Isabel Vilalba Seivane, integrante da Executiva Nacional do SLG-CCLL, e Daniel García Fernández, deputado provincial responsable da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade.
A primeira mesa estará dedicada á benvida ao territorio por parte do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda, coa participación do seu presidente, Vidal Martínez Sierra. De seguido, ás 16.00 horas, terá lugar o coloquio “Relevo xeracional: situación actual e respostas políticas”, no que se abordará a realidade socioeconómica do rural galego desde diferentes perspectivas académicas, institucionais e labregas.
Ao longo da tarde tamén se analizará o papel da formación como ferramenta clave para garantir a continuidade do sector agrario. A palestra “A formación que fomenta o relevo xeracional”, prevista para as 18.30 horas, reunirá profesorado, alumnado, investigadoras e técnicos vencellados á agroecoloxía, aos espazos test agrarios e ás políticas públicas no medio rural. A primeira xornada pecharase cunha cea agroecolóxica no seminario de Mondoñedo.
O domingo 8 de febreiro estará dedicado ás experiencias prácticas de éxito. A partir das 10.00 horas, diferentes proxectos galegos compartirán os seus procesos de incorporación ao sector agrario na mesa “Habelas Hainas: experiencias de éxito no relevo xeracional”. Tras un descanso, abordarase o papel da agroecoloxía como elemento central para atraer novas xeracións ao campo e, finalmente, analizarase o relevo desde a organización colectiva.
O VIII Foro Labrego de Agroecoloxía concluirá cun xantar agroecolóxico, poñendo o broche final a dúas xornadas de intercambio, aprendizaxe e defensa dun modelo de rural vivo e con futuro.