O WOS Festival regresa a Compostela con 29 concertos e 11 actividades paralelas

O WOS Festival x SON Estrella Galicia volve a Santiago de Compostela para celebrar a súa oitava edición entre o 11 e o 14 de setembro. O evento, referente no ámbito da música electrónica e de vangarda, activará dez espazos emblemáticos da cidade con 29 actividades musicais, das cales 14 serán estreas en territorio estatal, e 11 propostas paralelas de obradoiros, paneis, proxeccións e instalacións.
Na presentación celebrada na Fundación Eugenio Granell participaron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas; o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o director do festival, Iván Arias, e a coordinadora das actividades paralelas, Acacia Ojea.
Louzao destacou “a diversidade de orixes e xéneros presentes no cartel” e puxo en valor o papel das actividades paralelas como ferramentas para afondar no patrimonio sonoro e na memoria da cidade.
Entre as propostas internacionais figuran Abdullah Miniawy, aya con MFO, KAVARI, Klein, Masayoshi Fujita, Nazar, Purelink, Los Thutanaka —que actúan por primeira vez en Europa—, así como proxectos audiovisuais de Sara Persico & Mika Oki, Rainy Miller ou ZULI. Tamén se estreará en Galicia In uno spazio immenso, colaboración entre Grand River & Abul Mogard con deseño de luces de MFO.
A representación galega inclúe artistas como Carme López, Bflecha, Mwëslee, Ivy Barkakati, Breixo Martínez, Malandrómeda e Caamaño. Ademais, Tarta Relena presentará o seu novo disco És Pregunta.
A programación paralela contará con mesas arredor da electrónica galega no CGAC, proxeccións de cinema en NUMAX, obradoiros na Sede Afundación con Juait, crnds e Xabier Díaz, e a instalación Amplificando a memoria sobre o altofalante Organsound, con sesións de escoita e un panel de pensamento.
Recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards 2018, o WOS conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e o apoio da Xunta, Deputación da Coruña, Concello de Santiago, INAEM, AC/E, Gadis e Fundación Japón.