Oito centros educativos da provincia de Ourense participan no programa ‘Clases sen Fume’

Os centros participantes son o IES de Allariz, o CPR Sagrado Corazón de Celanova, o CPR María Inmaculada de Verín, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e os CPI José García García, CPR Padre Feijoo Zorelle e IES O Couto, na cidade de Ourense
clases-sen-fume-xunta-ourense
24 Feb 2026

Un total de oito centros educativos da provincia de Ourense participan no programa ‘Clases sen fume’, impulsado pola Consellería de Sanidade coa colaboración da Consellería de Educación e da Dirección Xeral de Xuventude, que pretende evitar o inicio do consumo de tabaco entre a mocidade ourensá.

Neste marco, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao CPR Luis Vives, un dos centros adscritos a este programa, onde fixo un chamamento ao alumnado e a toda a mocidade da provincia para que se impliquen activamente na loita contra o tabaquismo e tomen conciencia dos efectos prexudiciais dese hábito tanto para a saúde como para o medio ambiente.

“Ningún produto do tabaco, incluídos os cigarros electrónicos, é seguro”, advertiu destacando os riscos específicos que representa o consumo de nicotina en menores de 25 anos, xa que dana as zonas do cerebro encargadas da atención, a aprendizaxe, o estado de ánimo e o control dos impulsos.

A campaña, integrada no Plan Proxecta, vai dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO e compromete ao alumnado e ao profesorado de cada aula a non fumar durante seis meses, reforzando así a decisión voluntaria de manter hábitos de vida saudables, promovendo unha presión de grupo positiva a través do traballo en equipo na aula, e ademais convidarlles a participar nun concurso para elaborar e presentar actividades relacionadas coa prevención do tabaquismo.

Ademais deste centro educativo, tamén participan os colexios IES de Allariz (Allariz), CPR Sagrado Corazón (Celanova), CPR María Inmaculada (Verín), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), CPI José García García, CPR Padre Feijoo Zorelle e IES O Couto (Ourense).

0.31197595596313