Oleiros, distinguido no Premio Nacional de Cerámica polo seu compromiso coa olería tradicional

A distinción recoñece décadas de labor municipal na promoción e conservación deste patrimonio cultural
Imaxe da feira de Alfaroleiros
3 Jun 2025

O compromiso continuado do Concello de Oleiros coa olería tradicional valeulle unha distinción de honra nos Premios Nacionais de Cerámica, que celebraron a súa décima edición en Granada da man da Asociación Española de Ciudades de la Cerámica. A distinción recoñece décadas de labor municipal na promoción e conservación deste patrimonio cultural, consolidando ao Museo Os Oleiros José María Kaydeda e á feira Alfaroleiros como referentes de prestixio no ámbito estatal.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, recolleu o galardón acompañado pola concelleira de Cultura, María José Santos. Durante o acto, o rexedor destacou a importancia que desde sempre lle concede o Goberno local á olería, tanto a través da xestión do museo como mediante a organización de numerosas actividades culturais ao longo do ano, entre as que sobresae Alfaroleiros, feira que en 2024 celebrou a súa trixésima edición.

O Museo dos Oleiros José María Kaydeda alberga unha das coleccións máis destacadas de cerámica popular de todo o Estado, mentres que a feira Alfaroleiros está considerada polos propios artesáns como “a feira de olería tradicional máis importante da península”.

Este novo recoñecemento vén a reforzar o papel do municipio como epicentro da cerámica tradicional e como exemplo de políticas culturais sostidas no tempo que apostan pola identidade, o patrimonio e o apoio ao sector artesanal.

⚙ Configurar cookies
0.25206208229065