Olimpia López sostén que a violencia machista é unha ameaza democrática no acto do 25N

A Subdelegación do Goberno en Lugo sumouse este 25N á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional no que a subdelegada, Olimpia López, realizou a lectura do manifesto e expresou unha condena rotunda e inequívoca de todas as formas nas que se exercen as violencias machistas. Durante a súa intervención salientou que “esta violencia estrutural baseada na desigualdade e na discriminación vulnera dereitos fundamentais das mulleres como a vida, a liberdade, a integridade física e moral e a dignidade”. López recordou que a loita contra a violencia machista é unha cuestión de Estado e reafirmou o compromiso firme e constante do Goberno de España para avanzar con determinación cara a unha sociedade libre de violencia.
A subdelegada fixo referencia ao goteo incesante de feminicidios das últimas semanas, que volven poñer en evidencia a magnitude desta afronta que tildou como “unha ameaza democrática e histórica coa que hai que rematar”. Con estes últimos crimes son xa 38 as mulleres asasinadas en 2025 pola súa parella ou exparella, e 20 as crianzas que quedaron orfas só neste ano. Desde 2003 foron asasinadas 1.333 mulleres en España e desde 2013 foron asasinados 65 nenos e nenas, ademais de 489 menores que quedaron orfos por violencia de xénero. López advertiu de que, fronte aos discursos negacionistas, o Goberno e o conxunto das institucións seguirán traballando con firmeza e unidade e apelou á implicación de todas as administracións e da cidadanía.
859 casos activos en VioGén na provincia de Lugo
A subdelegada deu conta dos datos máis recentes do sistema VioGén, que amosan con claridade a persistencia desta violencia estrutural na provincia, onde existen 859 casos activos, entre eles 175 mulleres que teñen máis dun agresor, así como 828 casos con orde de protección, 45 dispositivos COMETA de control telemático e 50 usuarias do servizo ATEMPRO. Ademais, Lugo acumula no que vai de ano 377 chamadas ao 016. López insistiu en que estes datos volven evidenciar a necesidade dunha acción pública decidida e sostida no tempo e reafirmou que o Goberno manterá intacto o seu compromiso coa protección das vítimas e coa prevención da violencia.
Olimpia López destacou a importancia da colaboración cos concellos e puxo en valor que o Goberno de España asigna este ano 243.988,58 euros aos municipios da provincia de Lugo no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, un esforzo económico que evidencia unha vez máis o compromiso do Goberno con esta cuestión de Estado.
Estes fondos poden destinarse a actuacións de prevención, sensibilización, formación do persoal municipal e reforzo dos servizos de atención e protección ás vítimas e deberán executarse entre o 1 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2026. A subdelegada animou aos concellos a continuar empregando estes recursos na formación de profesionais, na mellora da información ás vítimas e na concienciación da cidadanía, especialmente da mocidade. López felicitou a todos os concellos polo seu compromiso e pola súa implicación activa nesta loita común e subliñou que a resposta contra as violencias machistas é máis eficaz canto máis próxima está á cidadanía, algo que só é posible coa colaboración entre o Goberno de España e as entidades locais.
A ampliación da rede de Puntos Violetas
A subdelegada explicou tamén a ampliación da rede de Puntos Violetas, xa presentes nas sedes de UGT, SEPE, Axencia Tributaria, Paradores, Muface, oficinas do INSS e da TGSS e na propia Subdelegación do Goberno. López subliñou que o obxectivo é achegar recursos de atención, información e sensibilización a todos os ámbitos da vida cotiá e lembrou que ningunha muller debe sentirse soa nin desprotexida ante a violencia. Esta iniciativa forma parte do Plan de Mellora e Modernización impulsado polo Ministerio de Igualdade e contribúe á consolidación dunha resposta integral, coordinada e próxima á cidadanía. A subdelegada afirmou que esta rede de espazos seguros é outra mostra clara do compromiso firme e continuado do Goberno coa defensa dos dereitos das mulleres e coa loita contra a violencia machista.
A Xunta reafirma o seu compromiso coa erradicación da violencia contra as mulleres
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe o acto de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. As directoras territoriais de Medio Rural, Olga Iglesias, e de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, deron lectura á Declaración institucional na que o Goberno galego reafirma o seu compromiso “firme e sostido para previr, detectar e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres”, impulsando políticas transversais que alcancen todos os ámbitos.
A Xunta consolidou este ano a súa acción en torno a tres eixos: prevención e detección, atención integral e independencia económica das mulleres vítimas. No ámbito sanitario e asistencial ampliouse a rede de atención cos centros de crise 24 horas, xa operativos nas principais áreas sanitarias, que dan acompañamento psicolóxico, xurídico e social a vítimas de violencia sexual.
A declaración sinala que só coa implicación total da sociedade galega “será posible que Galicia sexa un territorio que diga ‘non’ ao machismo que perpetúa a violencia de xénero”. Nese sentido, subliña a necesidade de “identificar desigualdades, desmontar estereotipos e fomentar relacións de respecto e igualdade”, para o que se traballa a concienciación nos espazos educativos, de cultura e lecer, e tamén nos espazos laborais.