Olimpia López toma posesión como subdelegada de Goberno en Lugo

A socialista Olimpia López Rodríguez tomou este mércores posesión oficial como nova subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, nun acto celebrado na sede da Subdelegación no que participaron representantes institucionais e mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. A súa chegada prodúcese tras a xubilación de Isabel Rodríguez, quen deixara vacante o posto despois de máis de sete anos de servizo.
O acto, marcado por un ambiente de celebración, comezou coa lectura da acta de nomeamento e a xura do cargo, á que seguiu a quenda de intervencións. A primeira en falar foi a subdelegada saínte, que recibiu unha longa e emotiva ovación. Médica de profesión, nacida en Monforte e vencellada a Viveiro, Rodríguez fixo balance da súa etapa, salientando os avances acadados en infraestruturas —“que permitiron sacar á provincia do atraso”— e nas políticas sociais, como o incremento das pensións e das bolsas de estudo.
“Marcho coa tranquilidade de ter respondido con feitos”, asegurou Rodríguez, quen tamén lembrou que fora a primeira muller en ocupar a Subdelegación do Goberno en Lugo. Nos seus agradecementos citou a referentes políticos como María Loureiro e Melchor Roel, así como ás persoas que confiaron nela, con mención especial ao seu marido. Pechou a súa intervención desexando sorte á súa sucesora e comprometéndose a seguir contribuíndo ao benestar da provincia.
Pola súa banda, Olimpia López presentouse destacando a súa traxectoria como arquiveira da Xunta, coa que quixo simbolizar que este mércores abría “un novo expediente na súa vida”, guiada pola mesma rigorosidade que empregou sempre no seu traballo. Comprometeuse a exercer con “responsabilidade e compromiso” para avanzar tanto na mellora das infraestruturas que conectan Lugo coa Meseta e co resto de Galicia, como na consolidación dos dereitos sociais. “Vou poñer toda a miña experiencia profesional e persoal ao servizo da provincia para ampliar eses dereitos que fixeron e fan do noso país un lugar máis xusto e solidario”, afirmou.
A nova subdelegada fixo tamén un chamamento á cooperación, en especial dirixido aos alcaldes, para que “o rural sinta a presenza do seu Goberno”. Nun plano máis persoal, agradeceu o apoio da súa nai, o seu marido e o seu fillo, así como de referentes políticos como José Ramón Gómez Besteiro e José Tomé, ademais de compañeiros, amigos e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, de quen dixo agardar “estar á altura da súa confianza”.
Foi precisamente Blanco quen pechou o acto, encomendándolle á nova subdelegada a misión de culminar os proxectos en marcha do Executivo de Pedro Sánchez en Lugo e de sumar novos retos para consolidar unha provincia “próspera, xusta e solidaria”. Recordoulle que “desde hoxe es o Goberno de España nesta provincia”, unha responsabilidade que, explicou, é dobre: escoitar e trasladar as demandas da cidadanía ao Executivo, e comunicar as súas iniciativas para que todos os lucenses se beneficien delas. “A acción do Goberno reflíctese na suba das pensións, na vivenda protexida, nas axudas ao estudo, nas novas autovías e liñas de ferrocarril, ou nos avances en igualdade e en dereitos sociais”, exemplificou.
O delegado amosouse convencido de que, baixo a dirección de López, a Subdelegación reforzará unha imaxe “aberta e accesible, próxima e resolutiva”, consolidada nos últimos anos, e pediulle manter sempre abertas as portas aos 67 concellos da provincia. Ademais, reafirmou a súa confianza na súa designación, avalada pola súa traxectoria profesional e polo seu compromiso co acceso igualitario aos servizos públicos en todo o territorio, co obxectivo de “romper as barreiras entre o campo e a cidade”.
Por último, Blanco dedicou unhas palabras de recoñecemento a Isabel Rodríguez, destacando o seu “traballo extraordinario” ao longo de sete anos nos que fixo da proximidade, a escoita activa e o compromiso diario os piares dunha xestión orientada a mellorar a vida das persoas.