Os Entroidos do oriente ourensán recibiron en Madrid os diplomas que os acreditan como Festa de Interese Turístico Nacional

Os entroidos tradicionais de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso recibiron este mércores no Teatro Real de Madrid os diplomas que os acreditan oficialmente como Festa de Interese Turístico Nacional. O acto estivo presidido polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, no marco da entrega de recoñecementos a dez celebracións de toda España que obtiveron esta distinción nos últimos meses.
A delegación ourensá recolleu o galardón que certifica a declaración aprobada en xullo pola Secretaría de Estado de Turismo. A concesión foi conxunta para os tres concellos, dada a relación entre os seus entroidos, que comparten elementos, personaxes e unha tradición común que se mantivo con gran vitalidade.
Ademais dos entroidos ourensáns, no mesmo acto entregáronse diplomas a outras festas declaradas de Interese Turístico Nacional ou Internacional, como o Entroido de Santoña, a Semana Santa de Plasencia ou as Festas Patronais de Yecla. Con estas incorporacións, España alcanza xa 164 festas coa categoría de Interese Turístico Nacional e 86 coa de Interese Internacional.