Os entroidos do oriente ourensán xa son oficialmente Festa de Interese Turístico Nacional

O BOE vén de publicar este recoñecemento que inclúe aos entroidos tradicionais de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso
entroido-manzaneda
Entroido de Manzaneda
11 Sep 2025

Os entroidos do oriente ourensán xa están oficialmente recoñecidos como Festa de Interese Turístico Nacional. O BOE acaba de publicar a resolución que outorga este recoñecemento conxunto aos entroidos tradicionais de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, que se suman de forma conxunta a outras 162 festas nacionais con este distintivo.

Os tres concellos presentaron unha solicitude conxunta, dada a estreita relación e características compartidas dos seus entroidos, que xa fora aprobada o pasado mes de xullo pola Secretaría de Estado de Turismo.

Os tres carnavais contaban xa coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. En concreto, Viana do Bolo ten este recoñecemento desde 1999, ao que se sumou Manzaneda en 2008. O máis recente foi o de Vilariño de Conso, que logrou este título en 2016.

Os entroidos do Oriente Ourensán comparten varios elementos característicos, como os folións ou fulións, comparsas formadas por arredor de 30 persoas, que desfilan polas rúas e parroquias tocando tambores e instrumentos de labranza. Ao celebrarse en localidades limítrofes, os folións participan nas celebracións doutros municipios, nunha tradición que se mantén desde fai séculos.

Outro clásico son os xoves de comadres e compadres, as batallas de fariña ou fariñadas e o lardeiro ou lardeira, unha figura a modo de meco.

Os personaxes centrais varían en cada entroido. En Viana do Bolo e Vilariño de Conso, o protagonista é o boteiro, que en Viana leva un tocado de cores e máscara xeralmente negra, mentres que en Vilariño viste unha pantalla e unha careta con barba e bigote. As celebracións comezan entre o 15 e o 20 de febreiro e prolongánse ata o 5 de marzo.

⚙ Configurar cookies
0.63873600959778