Os gandeiros mobilizados en Lugo decidirán esta noite se manteñen as protestas

Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, valoran de maneira positiva a decisión do Parlamento Europeo de levar o acordo entre a UE e Mercosur ante o a xustiza europea
tractores-ronda-muralla
21 Jan 2026

Os gandeiros e agricultores concentrados en Lugo afrontan este mércores unha xornada clave, xa que esta noite decidirán se continúan ou non coas mobilizacións que manteñen desde hai dez días na cidade. As organizacións convocantes, Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, valoran de maneira positiva a decisión do Parlamento Europeo de levar o acordo entre a UE e Mercosur ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ao considerala un paso necesario.

No décimo día de protestas, o pleno do Parlamento Europeo aprobou por unha axustada maioría denunciar o tratado UE-Mercosur ante o TJUE, debido ás dúbidas sobre a súa compatibilidade co dereito comunitario. A proposta saíu adiante cunha diferenza de apenas dez votos, unha decisión que foi recibida con satisfacción polos manifestantes concentrados en Lugo.

Desde o pasado luns 12, arredor de 150 tractores permanecen ocupando un dos carrís da Ronda da Muralla, mentres os participantes levan a cabo mobilizacións diarias polas rúas da cidade. O cansazo acumulado e a necesidade de atender as explotacións agrarias comezan a notarse entre os protestantes, que recoñecen a dificultade de manter este ritmo de accións, tamén polo impacto no tráfico urbano.

A pesar diso, Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema agardarán á asemblea prevista para as 22.00 horas, como vén sendo habitual cada día, para adoptar unha decisión definitiva sobre a continuidade das protestas. Consideran que as informacións procedentes de Bruxelas son esperanzadoras, aínda que lembran que, mesmo no caso de suspenderse a ratificación do acordo, podería darse unha aplicación provisional, dependente da Comisión Europea.

A iniciativa aprobada no Parlamento Europeo, promovida pola esquerda europea, contou con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións. Pola contra, unha segunda proposta semellante impulsada pola ultradereita de Patriotas por Europa foi rexeitada con 402 votos en contra.

A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, sinala que someter o tratado ao criterio da xustiza europea era un paso que “xa se tiña que ter dado hai tempo”. Destaca a importancia dunha avaliación xurídica independente, tendo en conta que se trata dun acordo con países que contan cunha normativa moi distinta á europea, polo que considera imprescindible analizar a súa compatibilidade legal.

Os manifestantes subliñan tamén que a presión social exercida polas organizacións agrarias en distintos puntos de Galicia, de España e de Europa foi determinante para chegar a esta situación. De cara aos próximos días, entenden que a continuidade ou non das protestas estará moi condicionada polas decisións que se adopten finalmente no ámbito xudicial europeo.

⚙ Configurar cookies
0.37377309799194