Os incendios de Pantón e A Fonsagrada manteñen a alerta na provincia de Lugo

En Barreiros segue controlado o lume que empezou o martes na parroquia de San Xusto de Cabarcos, onde resultaron feridos cinco brigadistas
incendio-panton
21 Sep 2025

O lume declarado o xoves ás 14.16 horas no municipio lucense de Pantón, na parroquia de Pombeiro, continúa co nivel de emerxencia activado pola proximidade ao núcleo de Lornís. Segundo as últimas medicións realizadas no terreo, a superficie afectada alcanza xa as 2.000 hectáreas, parte delas no concello limítrofe de Sober, ao que se estendeu o venres.

Este venres a última hora da tarde o lume chegou a Acedre e Budián, nestes lugares arderon 7 casas, 4 que estaban abandonadas e 3 que eran segundas vivendas ou estaban deshabitadas, sufriron desperfectos a causa do lume. Desde esta zona o lume entrou no concello de Sober.

Tras unha loita continuada contar o lume, a baixada das temperaturas fai ser optimistas ante a súa progresión, unha vez que todas as persoas desaloxadas puideron volver aos seus fogares.

Na Fonsagrada, tamén na provincia de Lugo, permanece activo outro incendio que desde as 02.25 horas deste sábado leva calcinadas arredor de 30 hectáreas na parroquia de O Trobo. Esta localidade xa sufriu outros tres lumes durante a vaga do pasado mes de agosto, con focos en Monteseiro (142,5 hectáreas), Cereixido (30 hectáreas) e San Pedro de Río (53,47 hectáreas).

Pola súa banda, o incendio de Barreiros, iniciado o martes ás 21.59 horas na parroquia de San Xusto de Cabarcos, permanece controlado tras queimar 140 hectáreas de monte arborado, preferentemente eucaliptos. Neste lume resultaron feridos cinco brigadistas que continúan ingresados no Hospital da Coruña. Todos evolucionan de maneira favorable, aínda que o seu prognóstico segue sendo grave.

⚙ Configurar cookies
0.38190388679504