Os incendios non dan tregua en Ourense e continúan arrasando hectáreas

Hai máis de 50.000 hectáreas calcinadas e a provincia mantense en alerta de nivel 2.
incendio-ribadavia-2
17 Aug 2025

O lume segue sen dar tregua á provincia de Ourense. Con doce focos activos e fóra de control, hai máis de 50.000 hectáreas calcinadas, nunha das peores ondas incendiarias que se lembran e que afecta a todas as comarcas da provincia.

No Macizo Central, os focos de Requeixo e Parafita e Vilariño de Conso-Mormentelos, convertidos nun só lume desde este venres, arrasan máis de 17.000 hectáreas. É o incendio máis grande rexistrado na comunidade desde que hai datos.

A crise provocada polos lumes mantén pechadas as conexións ferroviarias entre Zamora e Ourense, e tamén afecta ás conexións con Perín, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras.

ACTIVOS

Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos

O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas

Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.500 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 129 axentes, 156 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 88 axentes, 131 brigadas, 78 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Oímbra-A Granxa

Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 11.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín e Laza. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 16 técnicos, 57 axentes, 68 brigadas, 52 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas do martes está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.500 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 5 técnicos, 26 axentes, 25 brigadas, 25 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Activo Vilardevós-Vilar de Cervos

Está activo desde o mércores ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 16 axentes, 11 brigadas, 13 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.

Activo Vilardevós-Moialde

Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 20 axentes, 34 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 7 avións.

Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa

Activo desde as 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.

Activo Larouco-Seadur

Desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 6.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 16 técnicos, 56 axentes, 80 brigadas, 66 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 6 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes

Está activo desde as 16:38 horas de venres o incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes que, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.300 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 1 técnico, 20 axentes, 26 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 5 avións.

Activo Beade-As Regadas

Activo desde as 18:16 horas do venres o incendio no concello ourensán de Beade, parroquia das Regadas, anteriormente situado en Carballeda, na localidade de Carballeda de Avia. Segundo as últimas estimacións, este lume afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas e está pendente dunha nova estimación. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 9 axentes, 13 brigadas, 6 motobombas e 1 pa.

Activo Xinzo de Limia-Gudín

Está activo desde o venres ás 17.22 horas o incendio do concello ourensán de Xinzo de Limia, parroquia de Gudín, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 150 hectáreas e está pendente dunha nova actualización de superficie. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 16 axentes, 30 brigadas, 16 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

Activo San Cibrao das Viñas-Rante
Activo desde as 14.30 horas de onte un incendio forestal no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, parroquia de Rante, que segundo as últimas estimación supera as 20 hectáreas. Na súa extinción participaron, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 15 brigadas, 10 motobombas, 1 helicóptero e 4 avións.

ESTABILIZADOS

Estabilizado Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

CONTROLADOS

Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

⚙ Configurar cookies
0.21155905723572