Os incendios seguen sen dar tregua en Ourense e superan as 71.000 hectáreas calcinadas

Actualmente hai sete focos activos e outros cinco estabilizados
incendio-quiroga-1
19 Aug 2025

O lume continúa estendéndose pola provincia de Ourense e, segundo o último balance provisional da Consellería do Medio Rural, este luns permanecen activos sete lumes e outros cinco están estabilizados, superando xa as 71.000 hectáreas arrasadas. A colaboración veciñal volveu ser clave nas aldeas afectadas, que se preparan para outra noite de tensión.

A Xunta mantén activa a Situación 2 en todo o territorio, o que implica maior rapidez na mobilización de medios da comunidade, do Estado e da Unidade Militar de Emerxencias (UME). O operativo traballa reforzado, pero os frontes son tantos e tan virulentos que resulta imposible mantelos baixo control.

Un dos lumes máis devastadores é o que une os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, iniciados hai máis dunha semana en Requeixo, Parafita e Mormentelos. O pasado xoves ambos se fusionaron nun único gran fronte que xa calcinou unhas 17.500 hectáreas, estendéndose tamén a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. A magnitude do fronte obrigou a despregar un operativo masivo con máis dun cento de brigadas, arredor dun cento de motobombas e o reforzo de medios aéreos e da UME.

Outro dos incendios máis virulentos comezou o martes 12 en Oímbra, na parroquia da Granxa, e uniuse co que se iniciara días antes, o 9 de agosto, en Xinzo de Limia, na zona de Gudín. O lume avanza sen control e xa calcinou arredor de 15.000 hectáreas, estendéndose aos termos municipais de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Tamén aquí se despregou un gran dispositivo, con decenas de brigadas, preto dun cento de motobombas e máis de medio cento de aeronaves, ademais de efectivos da UME.

Na Mezquita, o incendio declarado na parroquia da Esculqueira o martes 12 arrasa unhas 10.000 hectáreas, afectando igualmente aos concellos da Gudiña e Viana do Bolo e traspasando incluso a fronteira cara á provincia de Zamora. A extinción apóiase en medios terrestres e aéreos galegos, na UME e en equipos desprazados desde Portugal.

Vilardevós converteuse noutro dos puntos críticos. Na parroquia de Vilar de Cervos permanece activo desde o mércores 13 un lume que alcanza xa as 900 hectáreas, mentres que en Moialde se reactivou o xoves 14 un incendio que comezara o luns 11 e que afectou unhas 500 hectáreas.

O maior incendio en superficie localízase en Larouco, na parroquia de Seadur. Declarado o mércores 13, devastou unhas 20.000 hectáreas e propagouse a concellos como Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Coa UME despregada no terreo, o fronte continúa activo e obrigou a un dispositivo xigantesco con máis de 150 brigadas e un cento de motobombas.

Tamén seguen ardendo os montes de Carballeda de Avia e Beade. Os incendios iniciados en Vilar de Condes e en As Regadas o pasado venres acabaron uníndose nun único lume que permanece activo e que afecta unhas 3.500 hectáreas repartidas tamén entre os municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Iso si, a situación este martes parece permanecer baixo certo control.

A estes sete grandes frontes activos súmanse outros cinco que lograron ser estabilizados. En Maceda, os incendios de Castro de Escuadro e Santiso, declarados entre o domingo 10 e o martes 12, uníronse nun único fronte que xa non avanza, tras calcinar unhas 3.500 hectáreas e afectar tamén ao municipio de Vilar de Barrio. En Vilardevós, o lume de Fumaces e A Trepa está baixo control tras arrasar unhas 100 hectáreas, mentres que en Riós estabilizouse o incendio de Trasestrada, que queimou 20 hectáreas. Outros dous lumes, o de San Cibrao das Viñas, iniciado o sábado 10 en Rante e con máis de 60 hectáreas afectadas, e o de Montederramo, na parroquia de Paredes, con 120 hectáreas, tamén permanecen estabilizados tras varios días de loita.

⚙ Configurar cookies
0.2341639995575