Os lugueses saen á rúa para mostrar o seu apoio ao pobo Palestino

A cidade de Lugo sumouse onte, 8 de setembro, ás protestas en apoio á poboación palestina e en rexeitamento das políticas do Goberno de Israel, encabezado polo primeiro ministro Netanyahu, a quen acusan de manter un xenocidio contra a poboación civil de Gaza.
Decenas de persoas concentráronse na Ronda da Muralla portando bandeiras palestinas, coincidindo co anuncio do Goberno de España de decretar un embargo total de armas a Israel e no contexto das mobilizacións que se produciron durante o paso da Vuelta Ciclista pola provincia, que remataron con varios detidos.
En paralelo, o colectivo Lugo por Palestina, en representación do movemento BDS Galiza, puxo en marcha unha campaña de presión sobre a promotora Bring the Noise, organizadora do festival Caudal Fest, pola súa relación con Superstruct, unha compañía controlada polo fondo de investimento norteamericano KKR.
A acción reivindicativa inclúe a instalación dunha mesa informativa na entrada do festival para explicar aos asistentes o vínculo entre o evento e o fondo, así como o reparto de folletos nas rúas da cidade. Tamén están previstas dúas concentracións diante das portas do recinto durante os días do festival, que se documentarán graficamente.
O obxectivo, segundo explican, non é promover un boicot directo contra o festival, senón esixir que se cumpran os “catro mínimos éticos” defendidos polo movemento palestino BDS e a PACBI, a campaña palestina para o boicot cultural a Israel. Estes compromisos inclúen a desvinculación de KKR, o establecemento dunha programación responsable, a aplicación das directrices do boicot económico e cultural palestino e a colaboración con artistas e organizacións solidarias coa causa palestina.
Bring the Noise non só organiza o Caudal Fest, senón tamén o Son do Camiño, o Morriña Fest e o Resurrection Fest, nos que o BDS xa desenvolveu mobilizacións denunciando a negativa das promotoras a aceptar as súas demandas. O movemento lembra que KKR é accionista de Superstruct, propietaria de máis de 80 festivais en todo o mundo, e que a súa estratexia pasa por exercer presión social e cultural para illar internacionalmente a Israel.
O colectivo sinala que a presión social xa obrigou a KKR a anunciar que non cobrará dividendos directos destes festivais, mais advirten de que o beneficio real para o fondo radica na futura venda de Superstruct. Por iso, aseguran que as protestas continuarán mentres se manteñan os vínculos empresariais coa ocupación israelí.