Os museos provinciais de Friol, Lugo e Monforte acollerán unha mostra sobre vestimenta tradicional

O Museo Fortaleza de San Paio de Narla, o Museo Pazo de Tor e o Museo Provincial de Lugo acollen simultáneamente a partir do xoves 6 de marzo a exposición Soterradas: vidas e historias. As mulleres: Walter Ebeling, que recrea fotografías realizadas polo lingüista alemán entre 1928 e 1933 na provincia de Lugo.
Entre o amplo arquivo fotográfico do investigador alemán, a mostra reconstrúe escenas protagonizadas por mulleres como testemuño dun pasado en que elas sustentaban a vida entre o esforzo e o silencio, dando continuidade ao traballo que a Rede Museística Provincial desenvolve, de xeito transversal, para visibilizar realidades relegadas ou excluídas nos relatos sobre a historia e o patrimonio.
A vestimenta tradicional é un dos elementos máis singulares destas recreacións, realizadas a carón de pezas etnográficas en distintos espazos dos museos. Así, máis de 500 prendas da asociacion Sete Espadelas, a maior parte orixinais e outras recreadas con rigor histórico, visten 35 manequíns que reviven a Galiza de hai cen anos e valorizan a vestimenta como parte dunha identidade forxada no clima, na terra e na cultura.
A exposición inaugúrase o xoves, 6 de marzo, ás 18.30 horas, no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, cun acto en que se ofrecerá unha visita guiada. Poderá visitarse, nos tres museos, ata o 30 de maio.
Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, destaca que, con motivo do 8M, queren "reivindicar traballar a interseccionalidade das desigualdades, xa que non é o mesmo ser muller, que muller no rural, que lesbiana, que migrante... É un proxecto moi extenso con diversas actividades e mostras que se irán inaugurando en diferentes lugares. Soterradas é un proxecto de longo percorrido que pon o foco na necesidade de rescatar ás historias sobre as desigualdades non visibles".