Os sindicatos do ensino acordan coa Xunta a redución do horario lectivo

CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP asinan unha addenda ao acordo de melloras que permitirá aplicar a redución do horario lectivo do profesorado a partir do curso 2026-2027
Ensino
10 Feb 2026

As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, formalizaron o pasado 6 de febreiro a sinatura dunha addenda ao Acordo sobre medidas de mellora, co obxectivo de impulsar a súa aplicación efectiva no sistema educativo galego e mellorar as condicións laborais do profesorado.

A addenda asinada introduce unha precisión de carácter técnico que permite unha aplicación coherente dos compromisos xa asumidos no acordo, sen modificar a súa finalidade nin o contido esencial. En concreto, elimina a referencia incluída no acordo inicial á implantación xeral da xornada laboral de 35 horas semanais para todo o persoal da Xunta, unha previsión que finalmente non chegou a materializarse.

Segundo explican as partes asinantes, esta referencia quedara sen efectos prácticos e podía condicionar ou atrasar a aplicación doutras medidas xa pactadas. A súa eliminación permite clarificar o marco de aplicación do acordo e avanzar no desenvolvemento das actuacións recollidas nel.

Entre esas actuacións atópase a redución do horario lectivo do profesorado nas etapas de Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial, un dos eixos centrais do acordo. Está previsto que os primeiros efectos desta redución se produzan xa no inicio do curso 2026-2027.

Os sindicatos asinantes reiteran o seu compromiso co cumprimento, seguimento e desenvolvemento íntegro do acordo, así como coa mellora progresiva do sistema educativo galego e das condicións de traballo do profesorado, desde a responsabilidade e o respecto aos espazos de negociación colectiva.

Así mesmo, lembran que calquera medida que incida nas condicións laborais do profesorado deberá ser tratada previamente na Mesa Sectorial correspondente, antes da súa aprobación definitiva.

A redución do horario lectivo supón un novo avance na aplicación do Acordo sobre medidas de mellora. As organizacións sindicais sinalan que o seu traballo continuará orientado tamén a avanzar noutros ámbitos recollidos no acordo, como a atención á diversidade, a simplificación das tarefas burocráticas ou a progresiva redución das ratios nas aulas galegas.

⚙ Configurar cookies
0.28795313835144