Os socialistas da provincia instan á Xunta a actuar ante os aranceis de Trump

14.100 millóns xa están mobilizados polo Goberno de España; fronte a iso, Rueda elixe a confrontación e mirar para outro lado”, advertiu José Tomé Roca.
patricia-otero-cesar-mogo-jose-tome-psoe
13 Apr 2025

O secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, a deputada no Congreso Patricia Otero e o Senador César Mogo ofreceron este sábado unha rolda de prensa na sede do partido en Lugo para analizar o impacto das políticas arancelarias anunciadas por Donald Trump, e denunciar a inacción da Xunta de Galicia ante unha ameaza que pode afectar gravemente a sectores estratéxicos da economía galega.

O secretario Xeral criticou a actitude da Xunta fronte á resposta “rápida e activa” do Goberno de España. “Queda claro que hai unha actitude activa do Goberno de España que confronta coa actitude pasiva do Goberno de Galicia. O Presidente da Xunta está fuxindo dos problemas. Quere minimizar unha crise que non ten solución se non se actúa xa, e non asume as súas responsabilidades. O Goberno de España activou todos os seus medios, mentres que a Xunta segue sen facer nada”.

Tomé subliñou que na recente reunión co Ministerio de Economía, a Xunta acudiu sen propostas. “Rueda limitouse a asistir de oínte. Prefire confrontar co Estado, seguirlle o xogo a Feijóo, antes que traballar conxuntamente polo ben de Galicia”.

O Secretario Xeral na provincia de Lugo lamentou que Rueda rexeitase a proposta de colaboración feita polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e reclamou accións concretas como “axudas complementarias, apertura de novos mercados e modernización das empresas”. Tamén advertiu do risco real para sectores como a automoción ou o vitivinícola: “Temos cinco denominacións de orixe que levan anos gañando mercado nos EUA, e agora están directamente ameazadas”. O secretario provincial revelou tamén que o Presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra confesoulle un “temor profundo” pola ameaza arancelaria.

Tomé destacou que “O Goberno de España xa mobilizou 14.100 millóns de euros para facer fronte á crise. O plan é tan sólido que ata Feijóo recoñeceu que había cousas positivas. O PP debería apoiar o Real Decreto no Congreso se realmente queren axudar ao noso PIB e ao emprego”.

Pola súa parte, a deputada Patricia Otero reafirmou a contundencia da resposta estatal: “O Goberno de Pedro Sánchez volveu actuar con rapidez e proporcionalidade, igual que fixo na pandemia ou coa guerra de Ucraína. En só 15 días xa houbo medidas enriba da mesa”.

Otero criticou que "O PP sempre chega tarde” e lembrou que votou en contra de medidas fundamentais para Galicia noutras ocasións, como a revalorización das pensións, as axudas electrointensivas ou o Plan Moves III: “Só se suben ao carro cando xa está en marcha. Pedimos responsabilidade e coherencia”.

Tamén puxo en valor a recente viaxe do presidente do Goberno a China e Vietnam: “Foi unha viaxe estratéxica e coordinada coa Unión Europea para abrir novos mercados. Temos fortes vínculos con China. Dende que Pedro Sánchez é Presidente, asináronse dez acordos con China no ámbito agro alimentario”.

O senador César Mogo sumouse aos argumentos dos compañeiros socialistas. Afirmou que “Dende o PSOE estamos facendo o que vimos facendo dende 2018, que é crecer e protexer. O que fixo o Presidente esta semana foi abrir novos mercados”. Destacou que o Goberno “non fixo unha visita protocolaria, senón unha defensa clara dos intereses dos galegos e das galegas” e lembrou que os socialistas teñen “solvencia acreditada na xestión de crises, mentres o PP suspendeu en todas”.

Mogo denunciou ademais a “actitude bochornosa” dalgúns parlamentarios do PP esta semana: “Insultaron a Ministros dende as segundas bancadas. Pedimos que deixen a crispación e apoien os intereses de Galicia co seu voto neste Real Decreto, en lugar de ir enredar como vimos esta semana”.

“O PP ou goberna ou crispa. Sempre que hai crispación é porque non están no Goberno”, engadiu Tomé.

⚙ Configurar cookies
0.090607881546021