Os socialistas da provincia reúnense en Foz reivindicando o avance dos dereitos sociais e laborais

Foz
Lara Méndez, César Mogo, Patricia Otero, Fran Cajoto, José Tomé e Iván Castro foron algúns dos cargos internos do partido que se sumaron á celebración
manifestacio-dia-do-traballo-lugo-psoe
2 May 2025

O secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na tradicional Festa dos Traballadores e Traballadoras organizada polos socialistas de Foz no restaurante O Rincón de Mis, con motivo do Primeiro de Maio, tras asistir á manifestación polo Día Internacional do Traballo celebrada na capital lucense.

Na cita participaron tamén responsables orgánicos e cargos institucionais do partido, como a secretaria de Organización do PSdeG-PSOE e deputada Autonómica Lara Méndez, o senador por Lugo César Mogo, a deputada no Congreso dos Deputados por Lugo Patricia Otero, o alcalde de Foz e deputado de Recursos Sostibles Fran Cajoto e o deputado Provincial e voceiro de Paradela Iván Castro.

O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, agradeceu a asistencia das compañeiras e compañeiros socialistas e aproveitou para felicitar a José Tomé pola súa recente reelección como secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo. “Temos unha fonda tradición municipalista e un profundo coñecemento do que significa traballar polos nosos concellos. Non hai ninguén mellor ca vós para defender os intereses das nosas veciñas e veciños”, afirmou. Fixo tamén un chamamento á unidade e ao traballo colectivo “para acadar mellores resultados nas próximas eleccións municipais”.

Pola súa banda, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, subliñou a importancia de continuar avanzando en dereitos laborais e sociais da man de gobernos progresistas. “O 1 de maio é un día para celebrar e reivindicar. Cando o Partido Socialista goberna, celebramos avances reais como a mellora das pensións, o incremento do salario mínimo ou a implantación do ingreso mínimo vital”, afirmou.

Advertiu, con todo, de que “cando goberna o PP, o que toca é defender o xa conquistado. Ningunha sociedade pode avanzar se está centrada unicamente en conservar o mínimo”. Méndez puxo como exemplo o caso de Foz, asegurando que “cando un socialista está á fronte dunha administración, hai avances reais: mellores infraestruturas, máis calidade de vida e un compromiso claro cos dereitos da cidadanía”. Apelou tamén á mobilización para os próximos retos: “Temos dous anos decisivos por diante para consolidar a nosa presenza municipal, manter o Goberno de España e conseguir en 2027 o cambio político que a Xunta de Galicia necesita”.

O secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, amosou a súa confianza na forza do proxecto socialista na provincia e destacou a importancia de manter a mobilización con vista aos próximos retos electorais. “A día de hoxe, cos datos que manexamos, mantemos todas as alcaldías e seguimos á fronte do Goberno da Deputación. O PP terá que continuar esperando pola Alcaldía de Lugo, pola Deputación Provincial e polos gobernos municipais desta provincia”, afirmou con rotundidade.

Tomé apelou á unidade e ao traballo conxunto: “A partir do verán temos que saír con forza, coa maquinaria preparada, para seguir contando coa confianza da cidadanía. Se o facemos, estou convencido de que poderemos recuperar a Xunta de Galicia da man de Xosé Ramón Gómez Besteiro”. “Ánimo, saúde e a gañar as eleccións municipais”, concluíu.

Tamén asistiron a cita participaron militantes e simpatizantes de numerosas agrupacións da provincia, entre elas as de Vilalba, Lourenzá, Valadouro, Cervo, Alfoz, Barreiros ou O Vicedo.

⚙ Configurar cookies
0.12802815437317