Os socialistas de Ourense destacan a importancia estratéxica do viño para o desenvolvemento da provincia

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de pechar unha serie de reunións cos consellos reguladores das principais Denominacións de Orixe da provincia, co obxectivo de coñecer de primeira man a situación do sector vitivinícola e valorar medidas que contribúan ao seu impulso. A última xuntanza tivo lugar coa D.O. Valdeorras, tras encontros anteriores con representantes da D.O. Ribeira Sacra e da D.O. O Ribeiro.
Desde o partido socialista destacan a importancia estratéxica do viño para o desenvolvemento económico da provincia, tanto pola súa capacidade de xerar emprego como polo seu potencial exportador e turístico. Nas reunións participaron o senador Rafael Rodríguez Villarino, o secretario provincial de Medio Rural, Francisco López, e alcaldes da zona, que se reuniron cos representantes de cada consello regulador.
No caso da DO Valdeorras, os datos actuais amosan un incremento da produción respecto a campañas anteriores, con preto de 7 millóns de quilos de uva recollidos en 2024 e máis de 5 millóns de litros de viño certificado. O número de adegas mantense estable en 41, cunha decena delas de gran tamaño. Porén, o sector continúa a afrontar retos como o avellentamento da poboación, o minifundismo e as dificultades burocráticas, especialmente para os pequenos produtores.
Tamén se abordaron cuestións como a formación, destacando a primeira promoción do ciclo de FP Dual de Viticultura no Barco de Valdeorras, aínda que se considera necesario ampliar a oferta para cubrir a demanda do sector. Outro dos temas tratados foi a precariedade do transporte por estrada e tren, que limita a competitividade das adegas.
Ademais, desde o consello regulador da DO Valdeorras puxéronse en valor os avances sen apoio público, especialmente no desenvolvemento da Ruta do Viño, que dinamiza o territorio durante todo o ano pero que carece de financiamento estable. Nese sentido, a DO solicita máis respaldo institucional para consolidar esta iniciativa.
En encontros anteriores, como o celebrado o 15 de xullo coa DO Ribeira Sacra, tamén se sinalaron retos comúns como o despoboamento, o elevado número de parcelas e a redución de viticultores activos. Alí valorouse positivamente o uso de novas tecnoloxías como os drons e a futura instalación de estacións meteorolóxicas para mellorar a xestión das viñas.
Con esta rolda de contactos, o PSdeG-PSOE busca reunir propostas realistas para apoiar o sector do viño desde as diferentes administracións, tendo en conta as particularidades de cada territorio e os desafíos específicos que afronta cada denominación.