Parga prepárase para a Feria da Cantería na edición que cumpre 30 anos de historia

Destacan as actuacións musicais, o concurso de canteiros e o Campionato Galego de Andadura Federada
presentacion-feira-canteria-parga
19 Jul 2025

A XXX Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga terá lugar este domingo 20 de xullo. O evento; organizado polo Concello e a Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santo Estevo de Parga; cumpre trinta anos consolidado como unha das citas máis emblemáticas do municipio.

A programación comezará ás 8:30 horas coa apertura do XXVII Certame de Cantería. Ata o 15 de xullo estarán abertas as inscricións para poder participar, coas bases e a ficha de inscrición dispoñibles na páxina web do Concello.

Ás 10 horas terá lugar a apertura da Mostra de Artesanía e exposición e venda de galiñas autóctonas de Galicia. Ás 11 horas comezarán as actuacións musicais, a cargo dos grupos municipais da banda de música, o grupo de gaitas e a agrupación Na Casa Zoqueiro.

De 11 a 13:30 horas e de 16 a 18 horas celebrarase o campionato galego de Andadura federada 2025, proba puntuable para o Campionato Galego de Andadura. O certame desenvolverase en seis categorías: Cabalos novos, Sub-16, menos de 150 serrada, menos de 150 chapeada, máis de 150 serrada e máis de 150 chapeada. Nas catro últimas categorías repartirase un total de 1.800 euros en premios.

Ás 13:30 horas pecharase o Certame de Cantería e terá lugar o pregón, que correrá a cargo de Manuel Vizcaino Díaz, que foi mestre e director do colexio Santo Estevo de Parga.

O fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar ás 14:00 horas e, a partir de media mañá, comezará a venda das racións de callos e tamén haberá polbo e churrasco, nun dos xantares máis agardados do ano na comarca.

Pola tarde, desde as 17 horas, haberá un obradoiro, dirixidos aos máis pequenos, para crear personaxes en 3D con pasta de papel e, como colofón, o grupo musical A Banda da Balbina pechará, a partir das 19 horas, a festa.

XXVII Certame de Cantería

A organización poñerá a disposición dos participantes as pezas de granito silvestre, pero os canteiros terán que ir provistos das ferramentas manuais que consideren axeitadas. O tema das obras é libre. Os participantes terán desde as 9:00 ata as 14:00 horas para realizar as súas obras.

En total, repartiranse 1.500 euros en premios, con 750 euros para o primeiro clasificado, 500 euros para o segundo e 250 para o terceiro. As obras que resulten premiadas pasarán a ser propiedade da organización.

A participación no concurso está limitada a 15 persoas e este ano está prevista a asistencia de 13 canteiros.

A finalidade deste certame é promocionar o oficio de canteiro así como a pedra, que é un dos recursos turísticos máis importantes do Concello de Guitiriz.

programa-feira-canteria-guitiriz
⚙ Configurar cookies
0.22716403007507