Paros e mobilizacións o 15 de outubro en solidariedade co pobo palestino

CCOO e UGT convocan paros de dúas horas por quenda e mobilizacións en todas as comarcas galegas para denunciar o xenocidio do pobo palestino e reclamar o fin da ocupación.
Stop Xenocidio
15 Oct 2025

O mércores, 15 de outubro, a clase traballadora galega leva ás rúas e aos centros de traballo a máis enérxica repulsa contra o crime que Israel está perpetrando contra o pobo palestino, especialmente en Gaza. Non é só “unha masacre”, “unha salvaxada” ou “unha barbarie”. É un xenocidio!

En tempos nos que parece que case nada importa, as palabras importan, e non son inocentes. Por iso, é unha obriga moral berrar alto e claro: BASTA XA DE XENOCIDIO CONTRA O POBO PALESTINO!

Os dous anos de bombardeos inmisericordes de Israel sobre Gaza deixaron polo menos 70.000 mortos e case 200.000 feridos, boa parte nenas e nenos. Ademais da traxedia humana, a manipulación, a censura e a mentira campan ás súas anchas. Israel impediu o acceso da prensa libre, incluso mediante a violencia. Reporteiros Sen Fronteiras denuncia máis de douscentos xornalistas asasinados en Gaza neste tempo.

O sindicalismo de clase galego e mundial non pode mirar cara outro lado ante o drama que padece Palestina, porque mesmo se están pondo en risco dereitos fundamentais. En moitos países europeos prohibíronse as manifestacións de apoio a Palestina, e en Londres xa foron detidas máis de 500 persoas.

Mentres a cidadanía se mobiliza, a pregunta segue no aire: onde está Europa mentres se perpetra un xenocidio a escasos 400 quilómetros da súa fronteira?

Ante un xenocidio non caben evasivas nin eufemismos. As institucións internacionais, incluída a Corte Penal Internacional e comisións independentes da ONU, sinalan na mesma dirección.

Por todo isto, as organizacións sindicais reclaman:

— Suspensión inmediata do Acordo de Asociación UE-Israel.
— Prohibición das importacións provenientes dos asentamentos ilegais.
— Canles seguras de axuda humanitaria para Gaza.
— Reforzamento dos fondos para a Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas.
— Embargo efectivo das armas e suspensión de acordos comerciais con Israel.
— Non criminalizar as traballadoras e traballadores que se negan a colaborar co envío de armas.
— Sancións efectivas aos responsables políticos e militares israelís.
— Suspensión de todos os acordos económicos, institucionais, científicos, culturais, deportivos ou doutra índole entre entidades galegas e israelís.

A única vía posible para acadar a paz é que esta sexa xusta. Non hai paz sen xustiza, e non haberá xustiza mentres o pobo palestino non poida decidir libremente o seu futuro.

CCOO e UGT convocan paros de dúas horas por quenda e mobilizacións en todo o territorio galego para mostrar solidariedade co pobo palestino.

Os paros desenvolveranse nos seguintes tramos:
— De 02:00 a 04:00 horas, na quenda de noite.
— De 10:00 a 12:00 horas, na quenda de mañá.
— De 17:00 a 19:00 horas, na quenda de tarde.

Haberá tamén asembleas, concentracións e actos de protesta nos centros de traballo e nas principais cidades:

— A Coruña: 10:30 a 11:30 diante da Torre de Hércules.
— Ferrol: 10:00 a 11:00 diante de Navantia e manifestación ás 20:00 desde o Concello.
— Santiago: 11:00 a 11:30 na rúa Anxo Casal, diante da Xunta.
— Lugo: 11:30 a 12:30 na rolda da Muralla n.º 70.
— Viveiro: 18:00 a 19:00 nos Xardíns de Noriega Varela.
— Ourense: 10:30 a 11:30 na praza Maior e 17:30 a 18:30 diante do CHUO.
— Vigo: 10:00 a 12:00 e 17:00 a 19:00 na Porta do Sol.
— Pontevedra: Manifestación ás 20:00 desde a Praza da Peregrina.
— Vilagarcía: 11:30 a 12:00 na rúa Alexandre Bóveda, diante das sedes sindicais.

⚙ Configurar cookies
0.23293781280518