Pedro Blanco anima á mocidade galega a solicitar as bolsas do Ministerio de Educación para o curso 2025/2026, dotadas con 2.544 M€

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou hoxe á mocidade galega a solicitar as bolsas do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes para o curso 2025/2026, que contan cun orzamento histórico de 2.544 millóns de euros. A convocatoria permanecerá aberta desde este luns ata o 14 de maio e poderá tramitarse na sede electrónica do Ministerio.
Blanco puxo en valor o esforzo do Goberno central que, no presente curso, destinou 132 millóns de euros ás bolsas en Galicia, o que supón un incremento do 59 % respecto ao investimento de hai oito anos. Ademais, sinalou que o importe medio das bolsas subiu máis dun 47 % desde 2017, pasando de 1.792 a 2.637 euros por estudante galego.
O delegado agradeceu o compromiso da ministra Pilar Alegría, baixo cuxo liderado se acadou o maior orzamento para bolsas da historia. Ademais, destacou que o novo incremento beneficiará especialmente ao alumnado do rural galego, pola mellora da contía asociada á residencia, que ascende a 2.700 euros tras aumentar 200 euros con respecto ao curso anterior.
A convocatoria está dirixida ao alumnado que vaia cursar Bacharelato, Formación Profesional, ensinanzas artísticas, deportivas, de idiomas ou estudos universitarios. Entre as novidades destaca a consideración do alumnado de ensinanzas artísticas superiores como estudantes universitarios, o aumento das axudas a estudantes con discapacidade e a flexibilización dos requisitos académicos para vítimas de violencia sexual.
A convocatoria para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo abrirase nas próximas semanas, antes do verán.