Pedro Blanco destaca que o Goberno de Pedro Sánchez incrementou nun 59% o investimento en bolsas en Galicia, garantindo a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos

O delegado do Goberno avanza que o Ministerio de Educación destina 132M€ este curso, beneficiando a 54.000 galegos, o que supón 50 millóns máis que no curso 2017/2018
Becas estudios
13 Mar 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez coa igualdade de oportunidades no acceso aos estudos, cun aumento do 59% no investimento en bolsas en Galicia.

“Facemos un esforzo sen precedentes para que ningunha persoa teña que abandonar os seus estudos por limitacións económicas”, subliñou Blanco.

No curso 2025/2026, 54.000 estudantes galegos recibirán bolsas do Goberno, cun investimento de 132 millóns de euros, o que supón 50 millóns máis que no último curso dos gobernos anteriores.

Por provincias, o reparto do investimento é o seguinte:

  • A Coruña: 72,9M€ para 26.257 estudantes
  • Pontevedra: 45,9M€ para 20.859 estudantes
  • Ourense: 7,4M€ para 3.690 bolsas
  • Lugo: 6,4M€ para 3.204 estudantes

Durante unha reunión co xefe da área de Educación da Delegación do Goberno, Xosé Lois Carballido, e co responsable da alta Inspección Educativa, José Manuel Alfeirán, Blanco destacou que ademais deste investimento directo, as familias tamén se benefician do aforro en taxas universitarias, o que supón varios millóns máis de apoio aos estudantes galegos.

Desde a chegada do Goberno de Pedro Sánchez, o importe medio das bolsas en Galicia aumentou un 47%, pasando dunha media de 1.792,32 euros no curso 2017/2018 a 2.637,44 euros no curso 2023/2024.

Ademais, o delegado puxo en valor o crecemento en axudas a estudantes con necesidades educativas especiais, cuxo orzamento pasou de 6,5 millóns a máis de 17 millóns de euros, beneficiando a 11.382 estudantes en Galicia.

Novidades para o próximo curso

Pedro Blanco avanzou que a convocatoria xeral de bolsas para o curso 2025/2026, que se abrirá en marzo, contará cun investimento de 2.544 millóns de euros, o máis alto da historia, o que supón un 80% máis que na última convocatoria aprobada polo anterior goberno.

Entre as principais novidades destacan:

  • Subida de 200 euros na axuda de residencia, acadando os 2.700 euros anuais, unha medida especialmente importante para os estudantes do rural galego debido á dispersión poboacional.
  • Equiparación de estudantes de ensinanzas artísticas a universitarios, permitindo que alumnos de escolas de deseño, artesanía e conservatorios accedan ás bolsas en igualdade de condicións que o resto.

“Esta convocatoria reforza a igualdade de oportunidades, garantindo que os estudantes coñezan o importe da súa axuda antes de comezar o curso, algo que antes non ocorría”, engadiu Blanco.

Por último, o delegado subliñou o papel da ministra Pilar Alegría na consolidación destas melloras e reformas na xestión das bolsas, respondendo a unha demanda histórica de estudantes e universidades.

⚙ Configurar cookies
0.063352108001709