Pontón advirte que, coa política forestal do PP, “Galiza volverá arder”

A líder do BNG critica a falta de autocrítica de Rueda tras os lumes de agosto e chama á mobilización cidadá este domingo en Santiago para esixir un cambio de rumbo.
Ponton
12 Sep 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu hoxe que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deixou claro na súa comparecencia no Parlamento que pretende manter a mesma política forestal “que leva 35 anos de gobernos do PP” e que, por tanto, “Galiza volverá arder”.

Pontón lanzou esta advertencia tras reunirse coa plataforma Por un monte galego con futuro, integrada por 62 asociacións sociais, sindicais e ecoloxistas, que convoca este domingo unha manifestación en Santiago para reclamar un cambio radical das políticas forestais e rurais. A líder nacionalista cualificou a intervención de Rueda como un “espectáculo lamentable de soberbia e falta de autocrítica” diante da vaga de incendios máis grave deste século, con 143.000 hectáreas queimadas, casas destruídas e catro brigadistas hospitalizados.

Criticou que o presidente da Xunta se limitase a prometer o cumprimento da lei sobre franxas de protección con 17 anos de retraso e só en concellos pequenos, cando foi o propio PP quen reduciu estas franxas de 100 a 50 metros. “Nin unha soa medida nova, nin vontade real para afrontar as causas estruturais dos incendios”, denunciou Pontón, que acusou ao PP de “apostar pola eucaliptización e o abandono do monte”.

Como alternativas, a portavoz do BNG defendeu o plan Da Cinza á Vida, que será levado ao Parlamento. Entre as propostas inclúese recuperar as franxas de seguridade de 100 metros, reforestación en mosaico da superficie queimada, duplicar en dous anos os fondos de prevención, aprobar unha moratoria ao eucalipto e revitalizar o rural cunha economía verde que frea o despoboamento.

Pontón chamou á mobilización social: “O PP non vai rectificar porque non lle importa Galiza, hai que obrigalo a facelo. O domingo temos que encher as rúas de Santiago para reclamar un monte limpo, multifuncional e con futuro”.

A preguntas dos medios, tamén valorou a suspensión parcial do servizo ferroviario en agosto como consecuencia da “nefasta xestión” dos lumes por parte da Xunta e mostrou a súa satisfacción polo anuncio do Goberno central de implantar o tren de proximidade en Galicia, unha medida que atribuíu ao acordo de investidura do BNG.

⚙ Configurar cookies
0.18963384628296