Pontón insta á Xunta a acelerar o corredor Sarria-Nadela e modernizar a estación de autobuses de Sarria

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou ao Goberno galego do PP a priorizar a conclusión e a mellora de infraestruturas consideradas estratéxicas para o crecemento económico e social de Sarria, entre elas o desdobre do corredor Sarria-Nadela —que, segundo criticou, debería estar finalizado desde hai anos— e a renovación integral da estación de autobuses, incluíndo un aumento das frecuencias e dos servizos.
Pontón cualificou de “urxente” que a Xunta remate o corredor Sarria-Nadela, lembrando que Alberto Núñez Feijóo comprometera a súa apertura para 2020, pese a que cinco anos despois continúa sen estar operativo.
A dirixente nacionalista advertiu que non é asumible a lentitude coa que avanza unha obra “fundamental para reforzar as comunicacións dun concello e dunha comarca con grande potencial como Sarria”, sinalando os atrasos para completar apenas 13 quilómetros e subliñando que aínda resta outro tramo pendente.
No marco da súa axenda na comarca, Pontón tamén mantivo un encontro coa ANPA do CEIP de Oural para abordar as necesidades do centro escolar e reclamar a reversión dos recortes no ensino público. A portavoz nacional destacou a importancia de reforzar os recursos educativos e, nun ton emotivo, lembrou que este foi o seu colexio de infancia, onde —afirmou— “aprendín da man de docentes apaixonados polo seu labor e comprometidos co alumnado”. Subliñou ademais que a educación pública “debe contar co apoio e o investimento que merece para garantir un ensino de calidade”.
Tamén reclamou unha modernización profunda da estación de autobuses, que afirmou estar “igual ca o día en que se inaugurou”. Pontón lembrou a súa propia experiencia estudantil collendo o bus cara a Santiago e asegurou que, malia o paso de tres décadas, as instalacións non recibiron melloras significativas. Por iso, anunciou que o BNG esixirá non só unha remodelación, senón tamén un reforzo dos servizos e horarios, que cualificou de “insuficientes e desadaptados ás necesidades actuais”, especialmente da mocidade que estuda en Lugo e que en moitos casos depende das familias para os desprazamentos.
No ámbito social, Pontón puxo o foco na residencia de maiores municipal, lembrando que o Concello de Sarria está asumindo unha competencia que corresponde á Xunta. Criticou que o Goberno autonómico non destinase aínda recursos nin concertase prazas con este centro público, mentres si financia prazas en residencias privadas. O Bloque, anunciou, instará á Xunta a asumir esta xestión para garantir unha atención pública e sostible.
EMENDA AOS ORZAMENTOS DA XUNTA
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación presentará emendas aos Orzamentos da Xunta para 2026 co obxectivo de impulsar a investigación e a innovación en Galicia.
Entre as principais propostas, destacou o incremento de 250 millóns de euros no Plan Galego de Investigación, a creación dun programa de consolidación da carreira investigadora e o establecemento dunha rede galega de cooperación entre todos os axentes do sistema científico.
Pontón defendeu que a innovación debe ser “un piar clave do desenvolvemento de Galicia” fronte á “falta de impulso e dilixencia dun Goberno do PP incapaz de poñer en marcha políticas eficientes”.
Lembrou, ademais, que entre 2019 e 2024 a Xunta deixou sen executar 220 millóns de euros do Plan Galego de Investigación, ao que agora suma “un recortazo de 100 millóns nas Contas de 2026. Galicia, que xa está á cola en innovación, non ten o impulso que necesita por parte da Xunta”, advertiu Pontón, avanzando que o Bloque defenderá as súas propostas nas emendas aos Orzamentos.
A líder nacionalista explicou que o incremento de 250 millóns de euros busca dotar de recursos estables a un pacto galego pola ciencia, mentres que o programa de consolidación da carreira investigadora pretende ofrecer estabilidade ao persoal científico e atraer novo talento, poñendo fin á precariedade do sector.
Por último, adelantou unha terceira emenda para crear unha Rede galega de cooperación en I+D+i, que aglutine empresas, universidades e administracións públicas, co fin de trazar liñas de traballo conxunto e fortalecer o ecosistema investigador. “O que non podemos permitir é que Galiza estea á cola en innovación cando temos talento, capacidade e empresas que poden situarnos como un país punteiro neste ámbito”, concluíu Pontón.