Pontón reclama á Xunta máis inversións para Ourense e elevar ata o 1,5% do PIB o financiamento das universidades públicas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu este mércores en Ourense un incremento do financiamento das universidades públicas ata o 1,5% do PIB. Segundo explicou, ese nivel de investimento —uns 1.200 millóns de euros— permitiría reforzar a formación, a investigación e o desenvolvemento dos chamados campus periféricos.
Tras reunirse co vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, así como con decanas e decanos, Pontón, acompañada poloo portavoz municipal do BNG, Luís Seara, o concelleiro Xosé Manuel Puga, a deputada Noa Presas e o portavoz parlamentario de Universidade, Daniel Castro, insistiu en que esta subida daría ao campus ourensán “oportunidades para que poida medrar, tanto no número de titulacións que imparte, como tamén en todo o que ten que ver coa investigación e a relación co tecido socioeconómico”.
A líder nacionalista defendeu que potenciar a universidade é “estratéxico” para Galicia e que esa prioridade é aínda máis evidente no caso de Ourense, ao considerar o campus “un activo para Ourense desde o punto de vista da dinamización económica, social e cultural” e un posible “polo de crecemento” para a cidade.
Pontón tamén criticou a actuación do Goberno galego en relación coas universidades privadas e reclamou que o Executivo cumpra a lei. Alertou de que se están autorizando graos “en Dereito ou Enfermería que, por exemplo, xa existen no campus de Ourense”, algo que cualificou de incumprimento legal ao duplicar titulacións que xa ofrece a universidade pública e que “en teoría, estaba prohibido pola lei”.
A portavoz tamén puxo énfasis nunha reivinndicación xa histórica da cidade como é o soterramento da avenida Otero Pedrayo, unha proposta que o BNG pretende impulsar desde o Concello no próximo mandato. Considera que se trata dun proxecto que suporía un “cambio substancial no modelo de cidade” e que xeraría novas oportunidades para o campus. Recordou que a iniciativa contou no seu día co apoio da comunidade universitaria, pero que o PP se limitou a facer “un lavado de cara desta vía”, unha intervención que definiu como “unha actuación low cost e sen ambición”.
Fronte a ese escenario, Pontón reclamou ao Executivo de Alfonso Rueda máis compromiso con Ourense, insistindo en que “Ourense merece máis e imos apostar porque se poida levar adiante este proxecto de soterramento da avenida Otero Pedrayo”. Ao seu xuízo, permitiría tanto conectar mellor o campus coa cidade como avanzar cara a un modelo urbano que priorice ás persoas: “Isto nos pode permitir mellorar a habitabilidade de toda esta zona cun proxecto transformador que claramente o que está buscando é un novo modelo de cidade onde as persoas estean no centro”.