Preto de 300 futbolistas de 20 equipos de toda Galicia participaron na Copa Galega de fútbol gaélico

Preto de 300 futbolistas de 20 equipos repartidos en tres categorías participaron na Copa Galega de fútbol gaélico organizada pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). O triunfo foi para o Keltoi na categoría sénior masculina e para o Auriense na categoría sénior feminina.
A competición celebrouse o sábado 26 de abril no Complexo Deportivo Municipal da Fieiteira do Concello de Ribeira. Empregáronse terreos de xogo de herba natural e artificial. A Copa de Galicia de fútbol gaélico foi transmitida pola TVG.
O número de equipos e de futbolistas participantes fai que esta Copa de Galicia 2025 sexa a de maior participación desde a pandemia de COVID. Dende a AGFG destacan que “a base do fútbol gaélico na nosa terra vén pisando forte”. Dous dos equipos participantes, o Supernova e o Lugh, estaban conformados exclusivamente por futbolistas de idade cadete.
Este dato apunta, unha vez máis, a un crecemento en cantidade e calidade das categorías de base desta disciplina en Galicia. É importante subliñar que estes deportistas cadetes saen do proxecto Gaélico Escolas PuntoGal.
Na categoría sénior feminina participaron sete equipos: Estrela Vermelha, Grovias, Fillas de Breogán, Turonia, Auriense, Lavandeiras de San Simón e Lorchas. Resultando gañadoras as futbolistas do Auriense.
Na categoría senior masculina tomaron parte dez clubs: Fillos de Breogán, Estrela Gaels, Keltoi Estibadores, Estrela Vermelha, Auriense, Lume de Beltane, Keltoi, Turonia, Lorchos FG e Estrela Supernova. O triunfo foi para o Keltoi.
Na categoría Intermediate competiron tres equipos: San Simón, Ártabras e Lugh. O San Simón foi o club gañador.
Á fase de consolación feminina, Shield, accederon catro clubs: Lorchas, Fillas de Breogán, Lugh e Lavandeiras. A vitoria foi para as Lavandeiras.
Na fase de consolación masculina, Shield, competiron catro equipos: Keltoi Estibadores, Lorchos, Lume de Beltane e Estrela Supernova. Os Lorchos foron os gañadores.
Na entrega de trofeos desta Copa de Galicia 2025 de fútbol gaélico estiveron presentes diferentes autoridades como Mar Ferreiro, directora territorial da Consellería de presidencia da Xunta de Galicia, Xabier Vidal, terceira tenente de alcalde e concelleiro de Deportes do Concello de Ribeira, Manuel Lores, vogal de relacións institucionais da RFGF, José Manuel Fernández, vicepresidente na RFGF da zona de Pontevedra, do fútbol veterano e do fútbol gaélico.
Desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico agradecen a colaboración do Concello de Ribeira que facilitou instalacións, colaborou co Terceiro Tempo, entre outras cuestións. Tamén á Xunta de Galicia, e ao club Galicia Bealo (matriz dos Lorchos)
Proximamente o Supernova, composto por futbolistas do Pino (que gañou a Copa Galega U15), do Boqueixón e do Friol, aos que se sumará algunha futbolista do Lugh, vai acudir en representación de Galicia ao Fèile, o Campionato Europeo U15, que é mixto. O pasado ano esa competición continental celebrouse en Vigo.