Preto de 50 expositores participan en Ourense Vinis Terrae

A cita reúne compradores de 18 países e conta cun Túnel do Viño con máis de 100 referencias de todas as D.O. de Galicia
ourense-vinis-terrae
Ourense Vinis Terrae
3 Jun 2025

Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, abriu este luns en Expourense as portas da súa undécima edición, consolidado xa como unha ferramenta de internacionalización ao servizo das adegas galegas. Os 47 expositores desta edición, entre os que se atopan tanto grandes grupos adegueiros como pequenos produtores ou “colleiteiros”, acoden a esta cita para ampliar e diversificar os seus mercados internacionais e non depender dun único país ante posibles cambios nas políticas arancelarias.

Ata hoxe ás 18:00 horas, este salón pon en contacto directo aos 47 expositores con medio cento de compradores e importadores procedentes de 18 países. Trátase dun evento exclusivamente profesional, galego e de calidade, no que cada adega manterá un mínimo de 20 citas cos importadores convidados, que se complementarán coas dos visitantes profesionais que acudan á feira. Con 47 adegas expositoras e 47 compradores convidados, o ratio de comprador por adega é moi superior ao doutras feiras profesionais do viño.

“Este salón contribúe claramente á internacionalización do viño galego, que ademais é un sector produtivo estratéxico, de gran importancia na provincia de Ourense, que engloba catro das cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas galegas e a IXP Val do Miño. Durante estes dous días, Galicia exhibe ante profesionais de 18 países o seu patrimonio varietal, único no mundo, unha autenticidade que defendemos dende os inicios de Ourense Vinis Terrae e que agardamos incremente a súa presenza internacional tras este evento”, explicou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, durante a inauguración oficial do salón, presidida polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria – AGACAL, Martín Alemparte.

Durante a súa intervención, o director de AGACAL destacou a importancia do sector vitivinícola galego, que permite á nosa comunidade “facer territorio a través do viño, xa que é un elemento diferenciador da nosa identidade como galegos. As variedades da nosa comunidade son únicas”. AGACAL colabora tamén nesta cita no montaxe do Túnel do Viño de Galicia, que recolle máis de 100 referencias dos viños presentes neste evento. O obxectivo é que os profesionais poidan coñecer os distintos viños e, deste xeito, os compradores teñan a posibilidade de descubrir un maior número de referencias, ademais das xa incluídas na súa axenda de citas.

Este salón pon en contacto directo aos 47 expositores con importadores procedentes de 18 países (Alemaña, Bélxica, Costa Rica, Dinamarca, España, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza). O salón conta cun alto índice de fidelización, xa que o 75% das adegas repiten participación nesta cita e o 25% fano por primeira vez.

Os importadores convidados destacaron o carácter íntimo e personalizado de Ourense Vinis Terrae, no que teñen a oportunidade de coñecer persoalmente ao produtor do viño e probar viños de autor únicos, moi difíciles de atopar noutro lugar, dada a escasa capacidade de exportación das pequenas adegas.

Pola súa parte, os expositores destacan o papel desta cita para diversificar os seus mercados internacionais. A responsable do departamento de Exportación do Grupo Granbazán, Cristina Domínguez, explicaba que, aínda que a súa empresa xa exporta preto do 60% da súa produción, esta cita contribúe a diversificar e atopar importadores noutros países para que a exportación da empresa non dependa unicamente dun gran país importador.

Indica que os recentes cambios nas políticas arancelarias nos Estados Unidos provocan que as adegas busquen outras opcións. Comenta que no caso da súa empresa aínda non notaron nada, xa que “a fama e calidade do viño da nosa marca ten de momento máis peso que unha suba de prezo, e o consumidor que o coñece e o aprecia asume ese custo. Pero non sabemos canto tempo se vai manter esta situación”.

Ao longo desta primeira xornada celebrouse a IV Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae na que participan os viños das 47 adegas expositoras no salón, que serán catados por expertos enólogos, sumilleres e catadores procedentes de distintos puntos de España. A entrega de premios terá lugar mañá martes 3 de xuño ás 17:30 h durante o acto de clausura do salón, que estará presidido pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.

Organizado por Expourense, Ourense Vinis Terrae 2025 conta co apoio fundamental da Xunta de Galicia a través da Axencia de Calidade Agroalimentaria (AGACAL), adscrita á Consellería do Medio Rural, e da Deputación Provincial de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.21467208862305