Profesores de Ourense impulsan un movemento asembleario para reivindicar melloras na educación

26 docentes de varios centros da provincia reuníronse para avanzar nun movemento conxunto que involucre ás familias e ao alumnado e co que pretenden mobilizar a máis profesorado
asemblea-profesorado-ourense
16 Dec 2025

Un total de 26 docentes de varios centros educativos de Ourense reuníronse recentemente nunha asemblea no IES García-Barbón para crear un movemento asembleario na provincia, seguindo o exemplo doutros lugares como Vigo, Santiago e a Costa da Morte. No encontro participaron profesores dos institutos IES As Lagoas, IES Chamoso Lamas, CPI Laureano Prieto, IES Julio Prieto Nespereira, IES Lauro Olmo, CEIP Princesa de España, IES Castro de Baronceli e IES García-Barbón.

O obxectivo principal desta iniciativa é sumar ás familias e ao alumnado ás reivindicacións comúns que plantexan e que, destacan, son comúns a todas as partes implicadas.

Entre as demandas principais que se puxeron sobre a mesa neste encontro están a mellora salarial, a redución da ratio de alumnos por aula tanto en primaria como en secundaria, a incorporación de profesionais especialistas para atender á diversidade do alumnado fronte á dependencia excesiva de medios tecnolóxicos e protocolos, a redución da burocracia que afecta aos equipos directivos ou a procura dun salario igualitario entre os diferentes corpos docentes e a creación dun corpo único de profesorado.

Ademais, o persoal docente destaca a necesidade de unidade dentro do movemento sindical para evitar pactos coa administración que non representen adecuadamente aos traballadores, e plantexan convocar unha folga indefinida por parte do profesorado, poñendo como exemplo casos como os ocorridos en Asturias ou Euskadi.

A idea, explican, é mobilizar a máis docentes para crear un movemento real en todos os centros educativos, co fin de facelo visible aos ollos da Consellería e dos sindicatos.

⚙ Configurar cookies
0.59629702568054