Queda inaugurado na Coruña o maior estudo de produción virtual de España

Estas instalacións atopanse na Cidade das TIC e están equipadas con tecnoloxía de última xeración
Plato_TIC_2
14 Feb 2025

Queda inaugurado o proxecto Coruña Estudio Inmersivo, un plató de 750 m² de produción virtual equipado con tecnoloxía de última xeración e complementado con 1.200 m² de instalacións adicionais. O plató, que pode ser utilizado tanto polo sector audiovisual como polo de videoxogos, destaca polas súas pantallas LED de alta resolución, nas que se xeran fondos de máxima calidade e nitidez en tempo real. Estas instalacións atopanse na Cidade das TIC, un espazo estratéxico que aposta pola especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes.

A súa localización, a poucos minutos do centro da cidade e do aeroporto, facilitará a chegada de producións nacionais e internacionais, ofrecendo servizos avanzados de produción, creación e postprodución dixital.

Asistiu ao acto o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, nunha visita oficial. O proxecto conta cunha financiación de 5 millóns de euros do Goberno de España a través de Red.es, dentro do programa “Axudas para a creación ou mellora de ecosistemas dixitais no sector audiovisual”, que xa apoiou outros proxectos similares en Gran Canaria, Madrid, Murcia e Barcelona cun orzamento total de 24,8 millóns de euros.

Durante a inauguración, o ministro destacou que proxectos coma este “simbolizan a revolución industrial que están vivindo A Coruña, Galicia e España” e subliñou o dinamismo do sector audiovisual no país. López recordou que o emprego no sector creceu un 93 % nos últimos tres anos, pasando de producir 45 series ao ano en 2018 a 95 en 2022. Actualmente, España ocupa a cuarta posición en produción de películas e series de televisión en Europa. Estivo acompañado tamén polo Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.

INÉS REY

“A Coruña é a capital do audiovisual galego, o que resulta totalmente lóxico tendo en conta que somos unha cidade de vangarda e temos que ser, polo tanto, unha cidade creativa”, sinalou a alcaldesa Inés Rey durante a súa intervención xunto a Óscar López.

Inés Rey destacou que A Coruña é o motor TIC de Galicia, permitindo que este sexa o sector que máis postos de traballo está xerando na comunidade. A alcaldesa quixo poñer en valor o traballo conxunto levado a cabo por todas as administracións no desenvolvemento da Cidade das TIC, espazo para o que hai asignados nos orzamentos municipais do 2025 máis de 850.000 euros en investimentos. “Desde o Concello, xunto con outras institucións e empresas, traballamos para avanzar como referencia fundamental no ámbito tecnolóxico co obxectivo de atraer e reter talento”, apuntou.

FORMOSO

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, fixo fincapé na colaboración entre entidades para poder desenvolver esta ambiciosa iniciativa: “creo que houbo unha conxunción para entender a necesidade do proxecto e poñer en marcha o principio de que a unión fai a forza. Houbo unha idea a nivel estatal de crear un ecosistema en favor dun sector audiovisual puxante, que xera miles de empregos en toda España, e demostrouse que cando queremos, podemos”.

Formoso resaltou tamén que “a nosa idea é facilitarlle o traballo a un sector que quere soñar e e expoñer o seu traballo no mundo, nas novas plataformas dixitais... Isto vainos permitir que os galegos e galegas poidamos selo nun sector tan competitivo, tan tecnolóxico, sen necesidade de marchar do noso país”.

0.19508600234985