Quiroga acollerá a primeira Olimpíada de Bioloxía da ESO en Galicia

Nesta primeira edición participarán case 600 alumnos e alumnas procedentes de 45 centros educativos das catro provincias
xeoloxia-quiroga
9 Apr 2026

Galicia celebrará por primeira vez a Olimpíada de Bioloxía dirixida ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, unha iniciativa promovida polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia coa colaboración do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e da Consellería de Educación.

A convocatoria está destinada a estudantes de 4º da ESO e nace co obxectivo de fomentar o interese polas ciencias da vida e pola investigación entre a mocidade galega. Nesta primeira edición participarán case 600 alumnos e alumnas procedentes de 45 centros educativos das catro provincias.

O desenvolvemento da olimpíada estrutúrase en varias fases. A primeira delas terá lugar a finais de abril en formato telemático, cunha proba centrada nos coñecementos e competencias adquiridas ao longo da etapa de secundaria. Dela sairán os dez mellores estudantes, que pasarán a liderar equipos formados por tres integrantes, representando aos seus respectivos centros. A fase final celebrarase o 30 de maio no Xeoparque Montañas do Courel, concretamente nas instalacións do IES de Quiroga, coa colaboración do seu Departamento de Ciencias Naturais. Nesa xornada decidirase o equipo gañador de Galicia, nun formato que aposta polo traballo colaborativo.

Ademais da competición, o programa incluirá actividades divulgativas e de lecer organizadas no propio xeoparque, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural da contorna.

0.68710017204285