Rábade acolleu a celebración do Día do Cooperativismo Galego con entrega de premios a proxectos exemplares

A Xunta destaca o papel clave da economía social e anuncia avances na nova Lei de Cooperativas para facilitar a creación e consolidación de entidades
Dia-do-Cooperativismo-Rabade-2025
6 Jul 2025

Rábade foi o escenario da celebración do Día do Cooperativismo Galego, unha xornada impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración co Consello Galego de Cooperativas. O acto tivo lugar nas instalacións da cooperativa Rabadense de Transportes e contou coa presenza do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, ademais da alcaldesa de Rábade, Remedios González.

Durante o encontro entregáronse os Premios á Cooperación 2025, que distinguen as mellores iniciativas do sector cooperativo galego. A cooperativa Rexenerando foi recoñecida polos seus valores cooperativos, Illa Bufarda recibiu o galardón ao proxecto cooperativo novo máis destacado e a cooperativa Lemos foi homenaxeada pola súa traxectoria consolidada.

Tamén se fixo entrega dos premios do Certame Cooperativismo no Ensino, que distingue proxectos empresariais desenvolvidos en centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial. O primeiro premio recaeu en Milgranda, Sociedade Cooperativa Galega do IES Rosalía Mera da Coruña, mentres que o accésit foi para o proxecto Maruxía, da cooperativa Mendiño de Vigo.

Pablo Fernández aproveitou o acto para reiterar o compromiso da Xunta co cooperativismo como parte esencial da economía social galega. Lembrou que a administración autonómica destinará este ano preto de 45 millóns de euros ao impulso deste modelo económico e avanzou na elaboración dunha nova Lei de Cooperativas que permita axilizar a creación de novas entidades e reforzar as xa existentes. A celebración deste ano coincide co Ano Internacional das Cooperativas, baixo o lema “As cooperativas promoven solucións inclusivas e sostibles para un mundo mellor”.

⚙ Configurar cookies
0.28080415725708