Rede pola Palestina denuncia “represión policial” nas protestas pola participación do equipo israelí na 15ª etapa de La Vuelta

A organización solidaria Rede pola Palestina denuncia a actuación das forzas de seguridade durante o paso da décimo quinta etapa de La Vuelta a España 2025 pola provincia de Lugo, na que se producíron detencións e varios incidentes relacionados coas protestas contra o equipo israelí Premier Tech.
Nun comunicado, o colectivo asegura que “a Vuelta topouse de fronte cun pobo solidario, digno e valente, que se manifestou de maneira pacífica contra o lavado de cara do rexime de Israel. Ao contrario que as accións do Estado sionista, as nosas protestas son non violentas, e están amparadas polo dereito internacional”.
Segundo Rede pola Palestina, polo menos doce persoas foron detidas en distintos puntos do percorrido, algunhas con uso “evidente de violencia”, entre elas activistas de Lugo por Palestina, BDS Galiza e a responsable comarcal do BNG, Rosana Prieto. Unha das detidas precisou atención médica tras a súa arresto. A organización denuncia tamén que foi a intervención policial a que provocou a caída do ciclista Javier Romo “cando un axente invadiu a estrada para deter a un manifestante”. Ademais, explican que “producíronse cargas policiais nas inmediacións da meta en Monforte, convertendo unha protesta lexítima e pacífica nun escenario de represión inaceptable”. Por iso, solicitan á Subdelegación do Goberno e a todas as institucións responsables “a liberación sen cargos de todas as persoas detidas e o cese da represión de Estado contra os movementos de apoio á Palestina”.
O comunicado subliña que as protestas son parte dunha campaña pacífica de Boicotes, Sancións e Desinvestimentos (BSD) contra a participación de Israel-Premier Tech, que consideran “un movemento propagandístico” destinado a normalizar a imaxe de Israel en eventos internacionais. O equipo, explican, “este está patrocinado e creado por Sylvan Adams, quen se define orgullosamente como sionista e financia aberta e sistematicamente iniciativas deportivas para mellorar a imaxe de Israel no exterior. A súa participación no pelotón profesional é por tanto incuestionablemente un movemento propagandístico”.
O colectivo advirte que as mobilizacións continuarán nos próximos días durante a etapa entre Poio e Mos e fai un chamamento á prudencia, á unidade do colectivo e a documentar calquera agresión policial. “Ante un xenocidio retransmitido en directo, non podemos ficar en silencio. Denunciar a participación de Israel-Premier Tech e o papel que cumpre é defender vidas humanas”, conclúe o comunicado.