O mapa das axudas tras os lumes en Galicia

As lapas debuxaron este verán unha cicatriz aínda visible en moitos montes de Galicia: Ourense como epicentro, aldeas arrasadas polo lume e familias que perderon algo máis ca unha paisaxe.
incendio-panton
27 Sep 2025

As lapas debuxaron este verán unha cicatriz aínda visible en moitos montes de Galicia: Ourense como epicentro, aldeas arrasadas polo lume e familias que perderon algo máis ca unha paisaxe. Pasada a urxencia, chega ese minuto no que a vida ten que caber nunha mochila e a letra dos decretos convértese en comida, teito e tempo. A partir de aí, a comparación entre comunidades deixa de xirar arredor das contías e céntrase en que se financia primeiro, con que ferramentas e a que velocidade. Para entendelo mellor, poremos en paralelo dous escenarios de lumes —Galicia e Castela e León— con dúas crises de natureza distinta pero con danos e urxencias moi similares: a DANA que golpeou a Comunitat Valenciana en 2024 e a erupción da Palma en 2021.

En Galicia, prométense ata 132.000 euros para reconstruír ou rehabilitar a vivenda habitual e 66.000 se a afectada é a segunda residencia. Ademais, engádese un bono de alugueiro social que pode cubrir o 100% da renda e un cheque de 600 euros para o realoxo. No apartado de menaxe, o tope fica en 16.200 euros na casa principal e en 5.400 na segunda. Sobre o papel, o ‘mentres tanto’ está suxeito; pero, na práctica, o sistema traza unha fronteira ríxida entre primeira e segunda vivenda mesmo cando ambas quedan en ruína, e a primeira axuda real depende dun bono que pasa pola ventá do concello, da dispoñibilidade de pisos e do ritmo da burocracia.

Se cruzamos a Castela e León, o verán foi igual de duro en canto a lumes, desaloxos e monte calcinado, mais a secuencia cambia. Alí, a contía máxima para recuperar unha vivenda ascende a 185.000 euros tanto se é habitual coma se é segunda cando hai ruína ou rehabilitación integral; ademais, existe unha transferencia inmediata de 500 euros por familia evacuada que se resolve por quendas semanais. Na menaxe, o listón sobe a 18.000 euros na vivenda principal e contempla amplios importes en segundas residencias. A idea é sinxela: primeiro cúbrese o primordial e despois reconstrúese. Esas medidas están xa en vigor, con bases publicadas e resolucións de pagamento.
Se comparamos con outro tipo de desastres, a Comunitat Valenciana abriu unha xanela doada de entender: 6.000 euros por vivenda para repoñer bens esenciais tras a DANA de outubro de 2024 e un programa autonómico de alugueiro por ata 12 meses, arredor de 800 euros ao mes, con fianza e garantía incluídas se o arrendador as esixe. Máis ca discursos, é diñeiro rápido que evita que as familias teñan que endebedarse para aguantar o golpe. En paralelo, o Consell puxo en marcha o plan ‘Ara Empreses’, con subvencións para comercio, hostalaría e PEMES industriais afectadas, con importes claros e tramitación sinxela.
Canarias, pola súa banda, aprendeu axiña que a emerxencia non colle nun trimestre. Despois da erupción do volcán da Palma en 2021, o Goberno autonómico engadiu un complemento de 30.000 euros por vivenda habitual destruída e mantivo un alugueiro de emerxencia con aboamentos periódicos por cuadrimestres. A lóxica é menos de xestos espectaculares e máis de organizar os prazos: garantir que os pagos cheguen a tempo para manter unha vida provisional que se prolonga. Ese sistema segue en marcha, con resolucións xa no quinto, sexto, sétimo e oitavo cuadrimestre.

Até aquí, diferenzas de deseño. Mais este verán Galicia tivo, ademais, un problema de relato. A propia Xunta cifrou arredor de 120.000 as hectáreas arrasadas en agosto —‘a maioría, chan espido’, subliñou Alfonso Rueda—, mentres que os satélites de Copernicus elevaron a estimación por riba de 125.000 e, co paso dos días, equipos técnicos e científicos situárona ben por riba das contas autonómicas. Ese baile de cifras alimentou a sospeita de maquillaxe na magnitude do desastre.
Non é a única sombra. Moitos denunciaron que a Xunta non informa de maneira sistemática dos incendios inferiores a 20 hectáreas, un criterio de comunicación xa criticado en 2017 e que este agosto volveu estar no punto de mira con titulares que falaban de ‘centos de lumes ocultados’ nos partes públicos. Aínda que o Goberno galego nega falta de transparencia, na práctica non reportar os lumes pequenos desordena o mapa real do lume en tempo real e debilita a confianza.
O discurso oficial tentou compensar o desgaste con anuncios de máis prevención ‘dende xa’ e cunha proposta de base permanente da UME en Ourense, concretamente en Toén. Que a Xunta pida unha unidade militar para recurtar tempos de resposta (de cinco ou seis horas a despregamentos inmediatos) ten lóxica operativa, pero tamén deixa unha pregunta no aire: se o dispositivo propio é ‘o mellor de Europa’, como defendeu a conselleira, por que se externaliza o corazón da reacción? A oposición le ese xiro como unha admisión implícita de carencias.

Falando de prevención, máis do mesmo. Mentres no Parlamento se prometía aplicar ‘con rigor’ a lei galega de 2007 (unha norma nacida do bipartito e que o PP rexeitou no seu día), novas sobre fondos para rozas e devasas sen adxudicar, ou millóns aínda sen executar, puxeron o foco na letra pequena dos orzamentos. A Xunta replica que hai marxe legal até 2026 e que ‘se fala pouco do que se salvou’, pero, a pé de monte, ese matiz non muda a sensación de terse chegado tarde ao verán máis quente.
Cando esas gretas de credibilidade se cruzan cos decretos de axuda, o resultado é un contraste incómodo. En Galicia, a segunda vivenda fica ancorada na metade do límite da principal mesmo en ruína; os topes de menaxe dan pouco de si fronte a unha reposición completa. Ao lado, Castela e León iguala o trato entre primeiras e segundas en ruína, sobe a menaxe e paga 500 euros de saída; Valencia condensa a mensaxe en ‘6.000 xa e alugueiro un ano’, e Canarias converte o alugueiro de emerxencia nunha política con cadencia. Son maneiras distintas de dicir o mesmo: a xente precisa chaves e cartos no momento inicial, e a obra vai despois.

O tecido produtivo completa o cadro. Galicia acredita músculo: coberturas de danos empresariais de até o 100% con tope xeral de 600.000 euros (excepcionalmente 1,5 millóns se periga o emprego) e un baremo miúdo no agro (viñedo, castaña, alimentación de gando e apicultura, reforestacións, etc.). Mais o espello devolve que outras administracións engadiron aos seus paquetes domésticos axudas líquidas e programadas para comercio, hostalaría e PEMES, coma o plan «Ara Empreses» na Comunitat Valenciana, que foi por fases, con importes pechados e anticipos; ou convocatorias periódicas para autónomos e negocios na Palma mentres durou o realoxo. Da a impresión de que, en Galicia, o catálogo técnico está ben construído… pero no día a día segue faltando o respiro que precisan as familias.

E, mentres, a rúa fala. Milleiros de persoas saíron en Santiago para esixir responsabilidades e máis prevención. ‘Queremos un goberno que nos queira’, líase nas pancartas. A Rueda pedíronlle a dimisión en bloque; o Goberno respondeu defendendo a súa xestión e apelando a non facer ‘curtopracismo’ coa traxedia. Mais o clima é o que é. En Vigo, o BNG rexistrou xa unha moción para reclamar a dimisión do presidente por ‘fracasar’ na política forestal e deixar sen executar partidas de prevención. Pola súa banda, o PSdeG pide a saída da conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e unha revisión de fondo do operativo. A conselleira négase a dimitir: asegura que o dispositivo foi exemplar e que os lumes foron ‘excepcionais’.
Volvamos ao principio, ao minuto un. Cando unha familia sae coa roupa posta, busca un ingreso hoxe, un contrato de alugueiro claro e un horizonte que non cambie de cifra cada semana. Aí é onde a resposta autonómica se distingue. Valencia fixo da sinxeleza unha política; Canarias, do calendario; Castela e León, da liquidez. Galicia preferiu un decreto correcto na forma, pero curto en empatía e atravesado por un relato que quedou pequeno ante o satélite e ante a rúa. Se a Xunta quere recuperar credibilidade, o camiño é tan evidente como asumible: equiparar as segundas vivendas en ruína, subir a menaxe a niveis de contorna, habilitar un pagamento inmediato por desaloxo e, por riba de todo, dicir canta Galicia ardeu sen que o teñan que contar terceiros. Ata entón, haberá axudas… pero faltará aire.

⚙ Configurar cookies
0.25882887840271