Rosa Crujeiras inicia en Lugo a campaña da segunda volta ao Reitorado da USC

A candidata máis votada na primeira fase comprométese a traballar “centro a centro” e a dialogar con toda a comunidade universitaria
Rosa-Crujeiras-Campus-de-Lugo-USC
27 Feb 2026

A candidata ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, iniciou no campus de Lugo a campaña electoral correspondente á segunda volta dos comicios coa intención de reforzar o diálogo coa comunidade universitaria e avanzar na concreción das súas propostas.

A catedrática de Matemáticas afronta esta nova etapa tras ser a aspirante máis votada na primeira volta, cun respaldo do 41% dos sufraxios, un resultado que, segundo sinalou, lles outorga “forza e responsabilidade” para encarar esta recta final do proceso electoral.

Crujeiras subliñou que nesta segunda fase é o momento de centrarse no contacto directo coa comunidade universitaria, co propósito de “traballar centro a centro, escoitar, dialogar e compartir propostas”. Neste contexto, avanzou que nos vindeiros días manterá encontros con distintos grupos de traballo, abertos á participación de todos os sectores da universidade, co obxectivo de construír de maneira colectiva o que definiu como “o mellor goberno posible para a USC”.

A candidata destacou que afronta esta campaña “con moitos ánimos” e coa vontade de continuar escoitando ás persoas que lle trasladaron un amplo apoio na primeira volta. Nesta nova etapa, explicou, non se trata de presentar novamente o programa electoral, senón de profundar nel a través de reunións cos distintos colectivos para concretar e desenvolver con maior detalle as accións incluídas na proposta inicial.

0.34529709815979