Rueda anuncia máis de 1.100 prazas na oferta de emprego público da Xunta para 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración xeral e do sector público instrumental correspondente a 2025, cun total de 1.103 prazas. Segundo destacou, o obxectivo é “reforzar a Administración con máis persoal público”, esgotando a taxa máxima de reposición permitida polo Estado.
A oferta inclúe 803 prazas de acceso libre, ás que poderá optar calquera persoa que cumpra os requisitos. Máis de 370 pertencen aos corpos xerais, entre elas 160 prazas de limpeza e cociña, 60 de persoal subalterno, 49 do corpo auxiliar (C2), 11 do corpo administrativo (C1), 30 do corpo superior (A1), 30 do corpo de xestión (A2), ademais de 10 prazas para a escala de letrados/as, 10 de finanzas superior e 16 da escala técnica de finanzas.
Na administración especial destacan 138 prazas para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, das cales 124 serán para bombeiros e bombeiras forestais e 14 para xefes/as de brigada. Ademais, convocaranse 108 prazas para coidadores/as, 50 para axentes técnicos de xestión ambiental e 30 para auxiliares de cociña.
No sector público instrumental ofertaranse 38 prazas de acceso libre.
Xunto a isto, a Xunta convoca 300 prazas de promoción interna, reservadas a persoal funcionario de carreira: 20 para o corpo superior (A1), 50 para o de xestión (A2), 75 para administrativo (C1), 153 para auxiliar (C2) e 2 para inspección de consumo.
Rueda salientou tamén que a reserva de prazas para persoas con discapacidade alcanza o 11,7 %, superando o mínimo legal do 7 %, e incluíndo prazas destinadas a persoas con discapacidade intelectual.