Rueda anuncia no Foro Ultreia a creación dunha rede de fomento do emprendemento que se baseará na colaboración público-privada

O foro reúne en Nogueira de Ramuín a máis de 200 integrantes do ecosistema emprendedor que asinaron un manifesto de vontades destinado a poñer en marcha a iniciativa
rueda-ultreia
28 Nov 2025

O Goberno galego impulsará a creación dunha rede de fomento do emprendemento que se baseará na colaboración público-privada, a través da que se buscará crear unha estrutura estable de coordinación, presente en todo o territorio, co obxectivo de que calquera persoa, en calquera parte de Galicia, poida acceder á formación, acompañamento ou ao financiamento necesario para o seu proxecto.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa participación no I Congreso Ultreia Galicia, que reúne a máis de 200 integrantes do ecosistema emprendedor no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. “Non se trata de inventar cousas novas, non se trata de inventar ningunha fórmula máxica, senón que se trata de reforzar o que xa vimos facendo. Calquera emprendemento ligado ao territorio vai ser máis sostible, vai xerar máis valor económico e vainos a traer máis vantaxes”, destacou o presidente durante a súa intervención.

Durante o desenvolvento da xornada, tivo lugar a sinatura dun manifesto de vontades destinado á crear esta rede de emprendemento que foi avalado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Universidade de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Fundación Juana de Vega, a Empresa nacional de innovación (Enisa) e o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). Con todo, este manifesto está aberto á participación de calquera outro axente do ecosistema emprendedor que se queira adherir a el.

Esta iniciativa, explica a Xunta, forma parte da futura Estratexia de emprendemento ligada ao territorio na que xa está traballando o Goberno galego e que contará con sete obxectivos principais: impulsar e especializar máis a rede de polos de emprendemento, facilitar a remuda xeracional e atraer talento da Galicia Exterior, fomentar a coordinación entre os diferentes recursos e promover un financiamento adaptado ás necesidades reais, integrar a educación emprendedora en todos os niveis formativos e apostar pola innovación no ámbito institucional.

Dende a Xunta explican que, a partir de agora, abrirase un período de reunións e consultas para poñer en común este traballo previo e sumar as achegas de todos os axentes do sector co obxectivo de enriquecer o documento.

Coa iniciativa, o Goberno galego busca consolidar os recursos dirixidos ao emprendemento que xa funcionan -como a Rede de polos, o Bono Remuda, o proxecto Fixar ou as políticas de retorno- e combinalas con outras medidas novas que permitan dar un impulso renovado a este sector. O presidente avogou por crear un ecosistema no que as ideas dos emprendedores galegos, e especialmente aquelas que proveñan do rural ou de zonas despoboadas, conten co apoio e recursos necesarios para converterse en realidade.

⚙ Configurar cookies
3.6895809173584