Rueda anuncia novas axudas de ata 20.000 euros para a compra de vivenda en 2026

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Executivo galego terá convocadas neste primeiro trimestre todas as axudas de vivenda correspondentes ao ano 2026.
Entre elas inclúese unha nova convocatoria de subvencións por valor de 2 millóns de euros destinadas a facilitar o acceso á vivenda en propiedade, cun máximo de 20.000 euros por fogar beneficiario.
Rueda fixo este anuncio durante a sesión de control no Parlamento de Galicia, onde respondeu ás preguntas formuladas polos grupos parlamentarios.
Segundo explicou, o problema da vivenda é unha cuestión que afecta ao conxunto do Estado e asegurou que a Xunta está actuando “en moitos frontes” para tratar de mellorar o acceso á vivenda na comunidade.
O presidente lembrou tamén o compromiso do Goberno galego de construír 4.000 vivendas públicas ao longo da actual lexislatura e de alcanzar as 10.000 no ano 2030.
Destas, arredor de 3.000 atópanse xa en diferentes fases de execución e está previsto que as primeiras vivendas desta lexislatura se entreguen este mesmo ano en Pontevedra, Santiago de Compostela e Mos.
Segundo indicou o titular da Xunta, o investimento total destinado a estas actuacións alcanza os 800 millóns de euros, dos que o 90 % proceden de fondos propios da Xunta e o 10 % restante de fondos europeos.
Neste contexto, Rueda reclamou ao Goberno central máis recursos para facer fronte ao problema da vivenda e criticou que o Plan Estatal de Vivienda 2026‑2030 aínda non entrase en vigor.
O presidente tamén destacou outras iniciativas impulsadas pola Xunta en materia de vivenda, como a declaración de 12 Proxectos de Interese Autonómico en 11 concellos, o desenvolvemento de solo para 20.000 vivendas con protección social nesta lexislatura ou unha liña de 10 millóns de euros para financiar vivenda protexida sen xuros.
A estas medidas súmanse programas como o plan Fogar Vivo, os avales hipotecarios para persoas mozas ou o programa Bono Emancípate.