Rueda anuncia un investimento de 10,4 M€ no novo Plan EDUC-ART para modernizar as ensinanzas artísticas en Galicia

A Xunta activará ata 2030 un plan con 37 medidas que inclúe actualización normativa, dixitalización, renovación da oferta formativa, innovación e internacionalización, ademais de reforzar os vínculos co tecido produtivo.
Plan EDUC-ART
25 Sep 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o Goberno galego destinará 10,4 millóns de euros ata 2030 ao impulso e modernización das ensinanzas artísticas mediante o novo Plan EDUC-ART, aprobado no Consello da Xunta.

A iniciativa, coordinada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, persegue mellorar a calidade destas ensinanzas, adaptalas á realidade actual e reforzar a súa conexión co sector produtivo. O plan estrutúrase en oito liñas de actuación con 37 medidas que abranguen a actualización normativa, a renovación e dixitalización da oferta educativa, a innovación, a internacionalización, a promoción e difusión destas titulacións, o recoñecemento da excelencia e a potenciación da súa relación co mundo laboral.

Rueda salientou que Galicia é hoxe “referente a nivel estatal” neste eido, cun número de matrículas que se duplicou nas dúas últimas décadas, pasando de 3.000 a máis de 6.200 estudantes. Isto converte á comunidade na segunda de España con maior porcentaxe de alumnado matriculado en ensinanzas artísticas.

Entre as medidas destacan o fomento das Escolas de Música, a creación de novas especialidades e programas de máster e doutoramento, a matrícula en liña con intelixencia artificial e os novos premios PREMI-ART para recoñecer proxectos innovadores. Ademais, potenciaranse os programas internacionais como Erasmus ou PLURIART e desenvolverase o programa Escénica, que reunirá grandes producións de ópera, zarzuela, ballet, teatro ou musicais coa colaboración dos distintos centros.

No ámbito laboral, o plan recolle accións como a formación dual intensiva a través de Colabor-art e a sinatura de convenios con empresas para favorecer prácticas e acreditación de experiencia profesional.

As ensinanzas artísticas da Xunta impártense en 16 centros repartidos por toda Galicia, entre os que se atopan as Escolas de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña), Mestre Mateo (Santiago), Ramón Falcón (Lugo) e Antonio Faílde (Ourense), os conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Vigo) ou o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, ademais doutros conservatorios profesionais en cidades e vilas galegas.

⚙ Configurar cookies
0.39787292480469