Rueda salienta en Quiroga o apoio da Xunta ás explotacións afectadas polos lumes

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este venres unha explotación gandeira en Quiroga que resultou afectada polos incendios do pasado mes de agosto. Durante o percorrido, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, puxo en valor tanto o traballo dos gandeiros como a importancia da gandería en extensivo e das razas autóctonas como a cachena.
“É fundamental escoitar a quen realmente sabe, os que viven do monte e no monte. Son os que coñecen perfectamente o que pasa, por que pasa, como se pode facer para evitalo ou que causen o menor dano posible. Así que eu veño tamén para escoitar”, afirmou o presidente, que lembrou as graves perdas sufridas por explotacións da zona, especialmente en pastos e forraxe.
Rueda sinalou que a Xunta habilitou desde o primeiro momento un mecanismo de urxencia que permitiu repartir máis de 93 toneladas de forraxe en quince municipios afectados. Ademais, destacou que a Consellería do Medio Rural puxo en marcha diferentes liñas de axuda que cobren ata o 100% do investimento, cun máximo de 200.000 euros por beneficiario: “Esa axuda que xa empezamos a dar desde o primeiro momento foi fundamental. Agora toca facer unha avaliación máis polo miúdo e que os gandeiros poidan solicitar as axudas, que chegan ata os 200.000 euros”.
O titular do Executivo autonómico insistiu na importancia de manter e reforzar a gandería en extensivo como ferramenta sostible e eficaz na prevención dos incendios. Lembrou que desde 2020 o Plan de Pastos de Galicia mobilizou máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento próximo aos 10,5 millóns de euros, ás que este ano se suman outras 519 hectáreas e 4 millóns de orzamento adicional. “Hai que vivir e hai que explotar economicamente. É unha boa ocasión para que as cousas que poden funcionar mellor, o fagan”, remarcou.
Así mesmo, subliñou o valor das razas autóctonas, que considerou patrimonio cultural de Galicia. Neste sentido, lembrou que en 2024 se puxo en marcha por primeira vez unha convocatoria de axudas específicas para a súa cría, cun investimento de 390.000 euros, ademais de convenios asinados con distintas entidades que supoñen máis de 2,5 millóns de euros destinados á conservación e fomento destas razas.
O presidente concluíu a súa visita destacando o carácter exemplar da explotación familiar visitada e o papel do rural no futuro de Galicia: “Este é un gran exemplo de empresa familiar. Eu agardo que isto se consolide e que os fillos deixen pequenos aos pais. Que todo o que fixeron o fagan aínda mellor e con novas ideas e dando máis vida a esta gran zona de Galicia que temos que preservar”.