Sanidade presenta a nova Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030 con 400 millóns de euros de investimento

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou este martes en Santiago a nova Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030, un plan que busca reducir nun 30% os tempos de espera das probas diagnósticas e mellorar a atención integral ás persoas afectadas. A iniciativa conta cun orzamento de preto de 400 millóns de euros e estrutúrase en cinco liñas prioritarias de actuación e un eixe transversal dedicado á avaliación dos resultados en saúde.
Durante a rolda de prensa, Gómez Caamaño destacou que o tratamento destas enfermidades é “un asunto prioritario para a Xunta”, e lembrou que Galicia xa foi pioneira no ano 2021 coa posta en marcha dun plan que reorganizou a asistencia sanitaria ás máis de 5.200 persoas rexistradas no RERGA (Rexistro Galego de Enfermidades Raras).
Entre as medidas contempladas na nova folla de ruta está a ampliación do cribado neonatal con 12 novas patoloxías, o reforzo das unidades multidisciplinares nos hospitais de Santiago, A Coruña e Vigo, e o impulso á rehabilitación funcional dos pacientes mediante atención domiciliaria e tecnoloxía robótica.
Tamén se contempla facilitar o acceso aos tratamentos innovadores, mellorar a precisión dos informes médicos e incrementar nun 2% anual as inscricións no RERGA. O conselleiro agradeceu a colaboración de profesionais, pacientes, familias e da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) na elaboración desta estratexia.
A presentación contou ademais cunha xornada técnica na que participaron expertos como o doutor Ángel Carracedo e representantes de colectivos sanitarios, que analizaron os retos e avances no tratamento destas enfermidades cunha prevalencia inferior a 5 casos por cada 10.000 habitantes.