Santiago acollerá o I Torneo Cidade de Santiago de Pitch and Putt durante as festas do Apóstolo

O campo da Sionlla será escenario do I Torneo Cidade de Santiago de Pitch and Putt os días 25 e 26 de xullo, dentro da programación das festas do Apóstolo. O evento contará con tres quendas e incluirá premios e sorteo para os participantes.
Golf Vigo
14 Jul 2025

Santiago de Compostela acollerá os días 25 e 26 de xullo o I Torneo Cidade de Santiago de Pitch and Putt, un evento deportivo enmarcado na programación das festas do Apóstolo. A concelleira de Deportes e Festas, Pilar Lueiro, e o coordinador de xestión de Compostela Golf, David Senra, presentaron a iniciativa que terá lugar no campo da Sionlla, na parroquia de Enfesta.

Este campo, con 18 buratos especializados nesta modalidade, destaca pola súa calidade técnica e o seu atractivo entorno natural. Desde a súa apertura hai dous anos, acolleu varios torneos con moi boa acollida por parte da comunidade golfista.

A concelleira destacou a importancia deste tipo de iniciativas para “situar a Santiago como capital deportiva de Galicia durante unha fin de semana de celebración”, e animou á veciñanza a participar ou a asistir como público para coñecer o campo e apoiar o proxecto.

O torneo disputarase na modalidade Fourball Stroke Play de 18 buratos, con percorrido longo, para as categorías Scratch, HCP 1 e HCP 2, por parellas. Haberá tres horarios dispoñibles:

Venres 25 ás 10:30 h

Sábado 26 ás 10:30 h

Sábado 26 ás 17:00 h

Cada quenda terá un máximo de 72 xogadoras/es. Ao final do torneo realizarase unha entrega de premios e un sorteo entre todas as persoas participantes.

O prazo de inscrición abrirá este venres e poderá facerse a través da web de Compostela Golf ou por teléfono ata o 24 de xullo.

⚙ Configurar cookies
0.22343802452087